publicidade hoxe

Cetmar e os socios en Mariner presentan novos coñecementos e ferramentas para a loita contra verteduras marítimas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Reforzar a cooperación rexional no que se refire á planificación, preparación e resposta ás verteduras marítimas de substancias químicas consideradas como nocivas e potencialmente perigosas (SNPP) foi o obxectivo dos socios MARINER nos últimos dous anos de traballo.

Os principais resultados deste proxecto, financiado pola Comisión Europea, déronse a coñecer hoxe na sede da Fundación CETMAR, coordinador e membro desta iniciativa xunto a outras institucións galegas como o INTECMAR, o Servizo de Gardacostas e a Universidade de Vigo.

A apertura desta conferencia correu a cargo da directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda Crespo, quen resaltou a importancia do traballo desenvolvido no marco deste proxecto. “Dispor de mecanismos de coordinación ben ensaiados e compartir recursos, coñecementos e experiencia é crucial para que a resposta á contaminación marítima sexa eficaz”, afirmou.

As accións do consorcio MARINER, no que participaron institucións de Reino Unido (Public Health England), Francia (CEDRE) e Portugal (CIIMAR e Bentley Systems), permitiron avanzar nos protocolos e equipos de resposta aos vertidos deste tipo de substancias químicas e desenvolver novas ferramentas de predición do seu comportamento e do seu impacto ambiental no medio mariño.

O proxecto permitiu ademais compilar e facer accesibles os coñecementos e recursos xerados nos proxectos de investigación e desenvolver materiais de formación, ademais dunha ferramenta que facilite o desenvolvemento de exercicios de loita contra este tipo de contaminación marítima, adaptable a diferentes ambientes rexionais.

Para desenvolver todos estes traballos, os socios de MARINER contaron coa colaboración dun panel consultivo formado por autoridades nacionais e rexionais con competencias marítimas e medioambientais nos catro países implicados, e que contribuíron a que as actividades e resultados do proxecto sexan acordes coas necesidades das organizacións a cargo da preparación e resposta ante a contaminación marítima.

Ademais de Gardacostas de Galicia participaron no devandito panel consultivo representantes de Salvamento Marítimo (Sasemar); do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (División de la Protección del Mar); da Direcção Geral da Autoridade Marítima de Portugal; da Maritime & Coastguard Agency de Reino Unido, e do Ministère de la Transition Ecologique et Solidaire de Francia.

Financiado pola Dirección Xeral de Protección Civil e Axuda Humanitaria da Comisión Europea, o proxecto MARINER é froito do espazo de colaboración creado nos últimos años a través dos proxectos ARCOPOL que, coordinados pola Fundación CETMAR, dinamizaron unha masa crítica de organizacións traballando na mellora das capacidades para responder a verteduras de hidrocarburos e sustancias químicas consideradas como SNPP.

21 de novembro de 2017 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.