publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Carlos Núñez ofrecerá un concerto na catedral de Santiago coa orquestra do Pórtico da Gloria

Nava Castro na sinatura do convenio de colaboración co deán

Nava Castro na sinatura do convenio de colaboración co deán

Carlos Núñez ofrecerá o próximo 22 de novembro un concerto na Catedral de Santiago cos instrumentos do Pórtico da Gloria como peche do programa conmemorativo polo 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o deán da basílica compostelá, Segundo Pérez, asinaron hoxe o convenio polo que a Xunta de Galicia patrocina esta cita, de acceso gratuíto previa retirada de invitación.

O programa, creado especialmente para a ocasión por Carlos Núñez e Jordi Savall, prestará particular atención á música do Códice Calixtino e ás Cantigas medievais galego-portuguesas, así como aos instrumentos do Pórtico da Gloria, que por primeira vez serán tocados por Savall e o seu grupo Hespèrion XXI, formado por algunhas das maiores estrelas internacionais da música antiga desde hai máis de catro décadas.

Nesta histórica cita, que será gravada e distribuída por todo o mundo, participarán artistas especializados norteamericanos, franceses, holandeses, británicos, italianos, gregos ou nórdicos, entre outros. Tamén galegos como Francisco Luengo, que construíu algúns dos instrumentos que se utilizarán, músicos novos e a Capela de Música da Catedral de Santiago.

O concerto será o mércores 22 de novembro, xornada na que precisamente se celebra o Día do Músico, a partir das 21,30 horas. O acceso será gratuíto, para o que será preciso recoller previamente as invitacións, que se repartirán desde as 16,00 horas do 18 de novembro no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino situado na rúa Carretas da capital galega.

“Será un día histórico polos artistas que participarán, polo tipo de música que interpretarán, polos instrumentos que empregarán e polo marco no que terá lugar”, declarou Nava Castro, quen salientou esta nova colaboración entre Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago, que se engade a outras como a exposición sobre o Mestre Mateo, aberta ata o próximo mes de febreiro no Pazo de Xelmírez, ou o recente concerto de Amancio Prada, o pasado mes de outubro, tamén no santuario xacobeo, no comezo desta programación conmemorativa.

Riqueza dun fenómeno universal

Nava Castro subliñou que a casualidade quixo que este concerto chegue xusto poucos días despois de que a Unesco recoñecera o valor universal do Códice Calixtino coa súa inclusión no Rexistro da Memoria do Mundo, como un exemplo sobranceiro de patrimonio documental -onde a música ten presenza- que debe ser conservado, divulgado e apreciado por todos

“Temos moitos motivos de celebración, nun ano no que percorreron o Camiño de Santiago peregrinos de 179 nacionalidades”, afirmou a directora, quen se referiu á “riqueza cultural” que supón. Tamén á oportunidade de desenvolvemento a todos os niveis, amosada na cifra de camiñantes que antes de rematar 2017 podería chegar por primeira vez aos 300.000. Isto constata, como declarou, “a vixencia dun fenómeno espiritual e cultural vivo na peregrinación dos milleiros de homes e mulleres que chegan ata a Catedral desde os cinco continentes”.

Congreso e seminario internacionais

O programa conmemorativo do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, que realizou xa numerosas actividades, conta con dúas máis nos vindeiros días. Trátase do X Congreso Internacional de Estudos Xacobeos Iacobus Patronus, organizado polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, que se inaugurará hoxe no Hostal dos Reis Católicos, ás 16,30 horas. E o seminario promovido por Turismo de Galicia xunto á Organización Mundial do Turismo (OMT) e á European Travel Commission (ETC), centrado nas rutas transnacionais e o turismo temático, que se celebrará a vindeira semana con expertos das principais institucións en materia turística do mundo.

9 de novembro de 2017 | 16:57 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario