publicidade hoxe

Balseiro explica en Negueira as axudas por danos ás que poden optar os afectados polos incendios forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoNegueira de Muñiz
A-
A+

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, desprázase hoxe a Negueira de Muñiz xunto con técnicos das distintas Xefaturas Territoriais para explicar polo miúdo as axudas ás que poden optar as persoas que resultaron afectadas polos incendios forestais de outubro.

Balseiro lembrou que a Xunta arbitrou diferentes liñas de subvencións para os particulares que cobren a práctica totalidade dos supostos: dende danos persoais ata danos nas vivendas, nas explotacións agrogandeiras, establecementos turísticos, comercios ou empresas de calquera ámbito.

Igualmente, convocáronse axudas para os concellos, os titulares dos terreos cinexéticos ordenados (Tecor) e as asociacións, clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro. Polo que respecta aos primeiros, a Xunta prevé a posibilidade de subscribir convenios para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal, así como para a reposición da sinalización turística.

Os Tecores, pola súa banda, poden acceder ao programa de subvencións coa finalidade de recuperar os hábitats cinexéticos e a protección dos solos nas zonas afectadas polos lumes. Os investimentos servirán para repoñer infraestruturas (refuxios, fontes, cercas…) e para sementar cereais, que se poderá estender ata o 10 % da superficie queimada.

Dada a transversalidade das medidas, participan na charla técnicos dos departamentos de Medio Rural, Medio Ambiente, Vicepresidencia, Infraestruturas e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Entre os apartados nos que máis se incide figura o paquete de axudas da Consellería do Medio Rural, xa que o sector agrogandeiro foi un dos máis prexudicado polos lumes na provincia.

Reparar e compensar

Neste sentido, cabe destacar que as subvencións para as explotacións agrícolas e gandeiras cubrirán gastos orientados a reparar danos en infraestruturas, maquinaria e equipamento, así como compensacións polas perdas xeradas.

En concreto, os afectados poderán obter axudas para recuperar nos terreos forestais de titularidade privada as pistas forestais, captacións de auga, cerramentos e bebedoiros e comedeiros.

Tamén recibirán compensación por danos causados na maquinaria e no equipamento forestal ocasionados en tarefas de colaboración nos labores de extinción de incendios forestais ou ocasionados por estes. E igualmente, nos bens, maquinaria, equipamentos e medios de produción das explotacións agrícolas e gandeiras. No caso de que quedasen inutilizados poderán ser substituídos por outra maquinaria.

Establécense tamén achegas por perdas na produción agrícola na campaña, polo valor dos animais mortos ou das colmeas destruídas, e polo custo da alimentación complementaria que hai que subministrar aos animais e colmeas superviventes nas zonas afectadas.

Así mesmo, haberá axudas para os gastos de extracción ou eliminación de madeira de corta comercial amoreada na zona afectada polos lumes. Tamén serán subvencionables a corta, a recollida e o estelado da madeira queimada non comercial en pé.

2 de novembro de 2017 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.