publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Avanzan os traballos da senda peonil que conectará o polígono de Bértoa co centro de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+
Oviido Rodeiro na visita a Carballo

Oviido Rodeiro na visita a Carballo

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá as obras de construción da senda peonil e ciclista que unirá o polígono de Bértoa co casco urbano e Carballo, un proxecto no que a Xunta asume o 70 por cento do custe e o Concello o 30 restante. O investimento da Consellería de Infraestruturas e vivenda supera os 923.000 euros. O delegado estivo acompañado polo alcalde da localidade, Evencio Ferrero, e os responsables da empresa que está a executar os traballos.

Trátase dun proxecto que pretende a construción dun itinerario que permita a circulación de peóns e ciclistas non deportivos pola marxe dereita da estrada AC-552, entre os quilómetros 29,4 e 30,4, completando un itinerario continuo entre o Polígono Industrial de Bértoa, onde xa existe unha senda, e as beirarrúas do núcleo de Carballo. A actuación encádrase dentro do Programa Operativo Feder 2014-2020 no que se define como un dos seus obxectivos favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores mediante o fomento da mobilidade sostible. A senda discorre integramente no concello de Carballo pola estrada AC-552.

A obra está incluída na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, e tamén contempla a renovación dos servizos de saneamento e pluviais, o soterramento dos servizos de electricidade, telefonía, unha zona axardinada e a habilitación de aparcadoiros onde haxa espazos para crealos. A Xunta encárgase de toda a actuación en superficie e tamén das redes de augas, mentres que o Concello executa o soterramento do tendido eléctrico e telefónico e a renovación das canalizacións de gas.

A senda discorrerá pola marxe dereita da vía e terá nove metros de ancho, que permitirán habilitar o itinerario peonil, o carril bici, unha franxa axardinada e, nas zonas nas que haxa espazo, mesmo aparcadoiros. Está previsto que a senda quede rematada antes de fin de ano.

Ovidio Rodeiro destacou que grazas a estas actuacións, “en poucos días veremos dous exemplos de como o Goberno galego cumpre as súas promesas e mellora a calidade de vida dos cidadáns”. O delegado lembrou que o Plan de Sendas de Galicia prevé a construción de sete novas sendas, máis de 10 quilómetros de actuacións e un investimento de máis de catro millóns de euros para a comarca de Bergantiños.

22 de novembro de 2017 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.