publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As vendas de produtos ecolóxicos do mar galegos medraron un 38% acadando un valor de máis de 9 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe que as vendas de produtos ecolóxicos do mar galegos medraron un 38%, acadando un valor económico no mercado de máis de 9 millóns de euros. Nesta liña destacou a importancia deste sector en Galicia que conta con 74 operadores deste tipo de produción entre os que destacan produtores de mexillón, recolledores de algas, conserveiros e cocedoiros, entre outros.

Así o trasladou a conselleira na inauguración da edición número 32 da feira de produtos ecolóxicos e consumo responsable BioCultura, que se celebra en Madrid desde hoxe ata o domingo e na que están representadas 45 empresas ecolóxicas de Galicia. No acto tamén participou a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Do Campo.

Ademais, a titular de Mar tamén trasladou a importancia das vendas certificadas en ecolóxico no conxunto dos sectores. Neste sentido, recordou que o ano pasado as vendas certificadas en ecolóxico de produtos galegos medraron máis do 25%, pasando dos 33 millóns de valor de negocio do ano 2015 aos case 42 millóns do 2016.

De aí, subliñou a importancia de focalizar os esforzos neste tipo de eventos que se erixen como o escaparate perfecto para intercambiar ideas, contactos, proxectos e realizar operacións de compra e venda. Por iso, explicou a conselleira, “Galicia non pode faltar a esta feira”, da man do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), o órgano encargado de controlar e certificar todas as producións en ecolóxico da nosa comunidade.

BioCultura

A feira BioCultura é un encontro de carácter internacional e é un dos máis importantes das súas características en Europa. Está organizada pola Asociación Vida Sana e celébrase anualmente en Barcelona, Sevilla e Madrid e cada dous anos en Valencia e Bilbao.

Nela danse cita produtores, distribuidores, profesionais e consumidores de sectores moi diversos que teñen o común denominador de empregar métodos ecolóxicos e fuxir de substancias químico sintéticas. Así, ofértanse produtos certificados para a hixiene, cosmética, bioconstrución, enerxías renovables, mobles e decoración, moda sostible, terapias e medicinas complementarias, aforro e reciclaxe, ecoloxía, medio ambiente, turismo rural e ecolóxico, xoguetes, artesanías, música, libros e revistas.

9 de novembro de 2017 | 18:18 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario