publicidade hoxe

As Neves, A Cañiza, Crecente e Mondariz contarán con 75 novos contedores de envases e papel-cartón para incrementar as taxas de reciclaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaAs NevesCrecenteLocal PortadaMondarizPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que catro concellos do Condado-A Paradanta recibirán en próximas datas un total de 29.280 euros para a adquisición de preto de 75 contedores de envases (amarelo) e papel-cartón (azul), co fin de incrementar as súas taxas de reciclaxe no marco do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes.

Esta liña de actuación conta cun orzamento de 700.000 euros para a comunidade galega completando así a actual rede de colectores que xa existe, con máis de 30.000 de envases lixeiros e máis de 12.000 de papel-cartón, polo que se incrementa o parque de contedores nun 6% e un 4%, respectivamente.

No caso do Condado-A Paradanta, beneficiaranse desta iniciativa os concellos de As Neves, que recibirá 9.850 euros que permitirá a compra de 15 contedores amarelos e 10 azuis; o concello da Cañiza, que contará con 4.230 euros para a compra de 12 contedores amarelos e 3 azuis; o concello de Crecente, que poderá comprar 14 contedores azuis a través dunha axuda de 9.100 euros, e finalmente, o concello de Mondariz, que recibirá 6.100 euros para a compra de 15 contedores amarelos e 5 azuis.

Ademais, o delegado territorial recordou que tamén se está a traballar dende a Xunta de Galicia na promoción da cultura do reciclaxe. E neste senso, outra das medidas que se levará a cabo na provincia de Pontevedra será o proxecto Horeca, unha iniciativa para fomentar que os negocios de hostalería, restauración e catering realicen unha separación de envases en orixe.

O fomento da reciclaxe tamén se levará a aqueles lugares nos que hai que ser máis coidadosos: os parques naturais. Promoverase a colocación, ou se substituirá aquela que se atope deteriorada, de carteis e distintivos como é o caso do Monte Aloia. Unha iniciativa que comezará de xeito inmediato, en novembro, e que será realizada por unha empresa de inserción social.

Cores Tourís recordou que “Galicia está dando pasos avanzados e importantes para implantar dun xeito real e efectivo a economía circular, que terá unha cita decisiva a finais de novembro coa celebración do Congreso de Economía Circular dirixido ao sector empresarial”.

7 de novembro de 2017 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.