publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta traballa no deseño do Plan galego de atención ás persoas sen fogar que estará listo no primeiro semestre de 2018

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá na inauguración do “Seminario sobre o senfogarismo en Galicia: deseñando as políticas de futuro”, organizado pola Dirección Xeral de Inclusión Social e a Cruz Vermella coa finalidade de avanzar no deseño de novas políticas que dean resposta ás necesidades e demandas deste grupo de poboación. O Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura de Galicia acolle esta xornada que conta coa asistencia de máis dun centenar de persoas, entre representantes e persoal técnico das administracións autonómica e local, entidades de iniciativa social, así como tamén redes de entidades ou asociacións profesionais que traballan no ámbito da inclusión socia

Na súa intervención, Rey Varela salientou que o obxectivo deste evento “é crear un espazo de exposición, debate e intercambio de coñecemento e información de persoas expertas que desde institucións e organizacións de diferentes ámbitos traballan cunha finalidade común: loitar contra o senfogarismo”. Neste sentido, enmarcou este seminario na preparación do Plan de atención ás persoas sen fogar en Galicia, un compromiso de lexislatura que se prevé que estará listo durante o primeiro semestre do vindeiro ano. De feito, as conclusións do encontro incorporaranse a un estudo sobre a materia centrado en trazos e intervencións ante a situación dos sen teito que se está a realizar en colaboración coa Cruz Vermella e que se pretende presentar ao Consello de Goberno da Xunta no mes de decembro.

O conselleiro indicou que o devandito plan galego “será participado” e que no mesmo “terán un papel relevante as entidades de iniciativa social e institucións que traballan coas persoas sen fogar”. Ao respecto, engadiu que “o diálogo, a colaboración e a coordinación co tecido social é a mellor maneira de ter as mellores políticas sociais de inclusión”. Tamén apuntou que este documento implicará a outros departamentos autonómicos que teñen incidencia na atención a este colectivo, como Sanidade, Vivenda, Igualdade, Educación ou Emprego.

Despois do acto de apertura e benvida, a conferencia inaugural correu a cargo do director da Federación Europea de organizacións nacionais que traballan con persoas sen fogar (Feantsa), Freek Spinnewijn, que falou sobre as tendencias na abordaxe do senfogarismo na Unión Europea. A continuación, Pedro José Cabrera Cabrera, titular do Departamento de Socioloxía e Traballo Social da Universidade Pontificia de Comillas, expuxo os resultados dunha enquisa realizada a persoas sen fogar por Cruz Vermella en Galicia, co apoio da Consellería de Política Social.

A xornada da mañá rematou cunha mesa de diálogo na que se debateron diferentes perspectivas e consideracións para o deseño de políticas de atención ao senfogarismo. Na mesma participaron a subdirectora adxunta de Programas Sociais do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Inmaculada Lasala Meseguer; a subdirectora xeral técnica de Rais Fundación, Maribel Ramos Vergeles; o responsable territorial do Grupo Emaús Fundación Social, Juncal Blanco Granado; o director de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Anuncio Mouriño Raño; e o titular do Departamento de Socioloxía e Traballo Social da Universidade Pontificia de Comillas, Pedro José Cabrera Cabrera.

Xa pola tarde, representantes de entidades locais e de iniciativa social compartirán experiencias nun world coffee e presentaranse as conclusións do seminario.

28 de novembro de 2017 | 16:53 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario