publicidade hoxe

A Xunta someterá a información pública en decembro o proxecto de trazado da conexión do Porto Seco de Monforte coa N-120

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta someterá a información pública o vindeiro mes de decembro o novo proxecto de trazado da conexión entre o Porto Seco de Monforte de Lemos e a N-120.

A conselleira de Infraestruturas trasladou esta información en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do Grupo Parlamentario Popular Julia Rodríguez.

Ethel Vázquez resaltou que, de forma paralela, iniciarase a avaliación ambiental do proxecto, e unha vez sometido a información pública e aprobado definitivamente o proxecto, poderá continuarse coa tramitación administrativa necesaria. Dese xeito, será posible iniciar en 2018 as expropiacións e a redacción e a aprobación do proxecto construtivo.

A este respecto, a conselleira asegurou que os 750.000 consignados nos Orzamentos da Xunta para 2018 para esta actuación farán posible acometer a redacción do proxecto construtivo destas obras, nas que a Xunta investirá 4,5 millóns de euros.

Esta actuación ten como principal obxectivo impulsar unha conexión que reforce a competitividade desta infraestrutura, proporcionando unha maior comodidade, capacidade e seguridade aos usuarios desta infraestrutura industrial.

Vázquez Mourelle concretou que o proxecto tamén responde a unha configuración coordinada co Ministerio de Fomento, que simplifica e fai viable a conexión entre a estrada autonómica que enlazará co Porto Seco e coa N-120, cuxo desdobramento proxecta o Goberno central: a futura A-76.

A solución adoptada pasa por substituír o enlace coa N-120 previsto nun principio, por unha glorieta a nivel, que quedará integrada no enlace da futura autovía A-76 e a N-120. Ademais a nova solución salva e evita a afección á canle de regadío do Val de Lemos.

A titular de Infraestruturas remarcou que desde o Goberno galego se traballa intensamente por dotar a Monforte e ao Porto Seco desta nova conexión coa N-120, posto que é unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento económico e empresarial de toda a comarca de Lemos, que reforzará de forma significativa a conectividade do maior polígono empresarial do sur de Lugo.

Deste xeito, os dous enlaces do Porto Seco –coa estrada autonómica LU-933, xa rematado, e coa N-120, permitirán absorber o tráfico inducido por esta área industrial, converténdose na súa principal vía de unión por estrada co sur de Galicia e coa Meseta; mellorarán a competitividade de Monforte e de todo a súa contorna; e contribuirán a que o Porto Seco se converta en centro referente de actividade e emprego do sur da provincia.

22 de novembro de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.