publicidade hoxe

A Xunta reforza o seu compromiso coas entidades sociais ao aumentar o importe das axudas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLocal Portada
A-
A+
Arturo Parrado na visita ás instalacións de Bumei

Arturo Parrado na visita ás instalacións de Bumei

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, visitou hoxe as instalacións da Asociación Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei), onde mantivo unha xuntanza de traballo cos membros responsables desta entidade e que ten entre as súas actuacións prioritarias a prevención da violencia de xénero e a atención ás vítimas e as súas crianzas, así como favorecer a integración de persoas en situación ou risco de exclusión mediante accións formativas. Na visita tamén participou o delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro Orol.

Tras percorrer parte das dependencias, que contan entre outros espazos cunha despensa de alimentos para a atención das necesidades básicas dos usuarios e usuarias e varia aulas de formación, Arturo Parrado destacou e agradeceu o labor da asociación para prestar apoio ás persoas e colectivos que máis o precisan, como as mulleres sen emprego ou os inmigrantes que residen en Burela ou en municipios próximos da Mariña Lucense.

Ao respecto, o director xeral garantiu o apoio da Xunta para continuar adiante con esta tarefa, o que se reflicte na achega de algo máis de 147.000 euros outorgada a Bumei ao abeiro da orde de subvencións a entidades de iniciativa social 2017/2018. Unha cantidade que se destina a programas e intervencións de apoio á inclusión sociolaboral; a diferentes accións formativas –adquisición do carné de conducir, curso de competencias clave II e curso de formación lingüística-; cursos de igualdade; motivación e autoestima; e actividades de mediación social e intercultural.

Así mesmo, Arturo Parrado salientou que o Goberno galego continuará a reforzar as políticas sociais dirixidas á loita contra a exclusión e as desigualdades, apoiando ás entidades que traballan a pé de campo ao carón das familias e persoas con menos recursos e que máis necesidades teñen. De feito, os orzamentos de 2018 contemplan un novo incremento da orde de convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social, que desde a creación da Consellería de Política Social multiplicouse por dous, pasando de 5,2 millóns de euros na convocatoria 2015/2016 a 10,1 millóns de euros na actual.

Por último, enmarcou este incremento no impulso ás políticas sociais e á inclusión que está a desenvolver o Executivo autonómico. Así, en 2018 a Xunta destinará a inclusión 115 millóns de euros, un 8% máis que na presente anualidade. Ademais, lembrou que a Xunta avoga por intensificar a colaboración co resto de administracións e as organizacións sociais para seguir a desenvolver a Axenda Social de Galicia e facer fronte de maneira coordinada ás situacións de pobreza e desprotección social.

15 de novembro de 2017 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.