publicidade hoxe

A Xunta invita aos municipios pontevedreses a sumarse á alianza Concellos Emprendedores para facer de Galicia o mellor lugar onde investir

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, invitou hoxe aos concellos, no transcurso dunha reunión con alcaldes da provincia de Pontevedra, a sumarse á alianza entre a Xunta e a Fegamp para harmonizar a fiscalidade municipal e facilitar así a chegada de novas empresas. Asegurou que a Lei de implantación empresarial ofrece novas oportunidades para traballar da man das administracións locais e facer de Galicia o mellor lugar onde investir: “Ofrece aos investidores o mellor escenario normativo posible para desenvolver os seus proxectos en Galicia”.

No encontro, que tivo por obxectivo presentar polo miúdo as medidas que a nova normativa introduce, Conde fixo fincapé en que un dos eixos sobre os que xira a Lei é a redución da fiscalidade empresarial. Neste sentido, activaranse bonificacións ás propias empresas para asumir determinados tributos, así como incentivos aos concellos a través da súa adhesión ao convenio proposto pola Xunta á Fegamp.

Así, as administracións locais que se sumen a esta iniciativa ofrecerán bonificacións de ata o 95% nos seus impostos, así como a axilización nas licenzas de obra; mentres que a Xunta establecerá medidas específicas que inclúan axudas para o desenvolvemento empresarial nestes concellos, dándolles prioridade no acceso aos apoios vinculados ao fomento do emprego, a industria, o comercio e o emprendemento.

O conselleiro lembrou que a norma busca converter Galicia na comunidade autónoma que dea máis facilidades para poder investir, con menos trabas burocráticas, máis incentivos e menor fiscalidade. Así, xunto ás axudas para reducir a fiscalidade, a Lei aposta pola simplificación administrativa -eliminando trabas burocráticas- e por aportar facilidades para o acceso ao solo industrial.

En concreto, entre outras medidas, búscase reducir á metade os prazos de tramitación dos proxectos empresariais para axilizar a súa posta en marcha. No tocante ao acceso ao solo, inclúese a posibilidade de desenvolver a urbanización parcial de áreas industriais; e tamén a creación do Censo de solo empresarial de Galicia para coñecer as necesidades reais existentes. Ademais, incorpórase unha medida para facilitar o pago aprazado e sen xuros na compra de solo público, ao tempo que se recollen iniciativas que xa están en marcha como as bonificacións na venda de solo público nos parques empresariais.

O conselleiro incidiu en que a nova normativa favorece o desenvolvemento económico do tecido empresarial galego e a creación de emprego de calidade, consolidando deste xeito a Galicia como unha terra de oportunidades: “A nova Lei abre novas oportunidades para captar novos investimentos á vez que permite a colaboración institucional entre Xunta e concellos para crear emprego e ofrecer aos investidores o mellor contexto normativo”, explicou.

23 de novembro de 2017 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.