publicidade hoxe

A Xunta inviste 120.000 euros na renovación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado no polígono de Bergondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondoLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o polígono industrial de Bergondo, no que a Xunta de Galicia está a executar un investimento de 120.000 euros nun proxecto de renovación e mellora da eficiencia enerxética do alumeado público. O delegado estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria e pola alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez.

Esta intervención, que conta cun orzamento total de algo máis de 156.000 euros, suporá a substitución de 220 puntos de luz, incluída a súa caixa de derivación e o cableado interior de cada un dos báculos, desde a propia caixa de derivación ata a luminaria, estimándose unha media de doce metros en cada farola, e un total de preto de 2,7 quilómetros. Ovidio Rodeiro sinalou que “esta actuación suporá un aforro de algo máis de 160.000 kilovatios/hora cada ano, o equivalente ao consumo dunha urbanización de 170 vivendas”.

Os novos puntos de luz son de tecnoloxía Led e melloran a eficiencia enerxética da rede en preto dun 90 por cento, polo que o proxecto ten unha clara finalidade medioambiental. O delegado explicou que esta actuación foi posible grazas a que a rede eléctrica que da subministro ao polígono mantense en óptimas condicións e cumpre cos estándares que marca a lexislación en vigor.

Esta actuación forma parte da orde do 27 de xaneiro pola que se concedeu unha liña de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais, e que no caso da provincia da Coruña supón un investimento de preto de 910.000 euros en 18 actuacións en polígonos pertencentes a 14 concellos da provincia, e comprende, ademais de intervencións en mellora de eficiencia enerxética, reparacións de infraestruturas viarias e seguridade, instalacións de hidrantes e construción de plantas de compostaxe.

Ovidio Rodeiro sinalou que “a Xunta mantén o seu compromiso co desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Industria e Emprego está a facer un esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.

8 de novembro de 2017 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.