publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta investirá 5,5 millóns de euros para eliminar 18 tramos de concentración de accidentes da área de Vigo en 6 estradas autonómicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaVigo
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, presentou hoxe as 12 actuacións programadas pola Xunta para suprimir 18 tramos de concentración de accidentes en 6 estradas autonómicas desta zona mediante o investimento duns 5,5 millóns de euros.

Vázquez Mourelle explicou que estas actuacións se levarán a cabo en vías autonómicas ao seu paso polos Concellos de Vigo, Gondomar, Nigrán, Cangas e Moaña. Precisou que estes traballos están enmarcados na estratexia para a eliminación de treitos de concentración de accidentes activada polo Goberno galego, cun orzamento de 12,3 millóns de euros para realizar 40 actuacións en 90 km co fin de ter suprimidos estes puntos negros en 2020.

A estratexia xa está en marcha, posto que xa están en redacción todos os proxectos correspondentes a unha 1ª fase, para executar as obras ao longo dos anos 2018 e 2019. Paralelamente, seguirase avanzando na 2ª fase das actuacións, coa tramitación necesaria que nos permita acometer os traballos ao longo do ano 2020.

No caso de Vigo, a meirande parte dos traballos priorízanse nunha 1ª fase, quedando para a 2ª fase só unha intervención, a correspondente ao TCA existente na PO-551, en Cangas. Así, a conselleira indicou que nesta área vanse iniciar as actuacións de xeito inmediato, comezando pola intervención na estrada PO-340, nos concellos de Gondomar e Nigrán, e que se enmarca no Plan de Sendas de Galicia, pois a obra está licitada e a piques de adxudicarse, o que posibilitará poder iniciar os traballos no 1º trimestre de 2018.

Ethel Vázquez engadiu que ao longo de decembro vanse someter a información pública os documentos correspondentes ás actuacións da 1ª fase dos traballos, xa que en todos os proxectos son necesarias expropiacións. Isto permitirá licitar as obras en 2018 a medida que se teñan os proxectos aprobados e iniciados os procesos expropiatorios.

Os traballos que está a impulsar a Xunta en materia de estradas son deseñados con criterios específicos de mellora da seguridade viaria, adaptados a resolver a problemática detectada. Este é o caso, por exemplo, da intervención na PO-331, en Gondomar, no acceso ao Polígono da Pasaxe, onde se vai revisar a intersección e analizar os movementos para reducir a sinistralidade neste “punto negro”. Proporanse solucións, que serán abordadas cos veciños e coa asociación de empresarios, e que pasan pola construción dunha glorieta para mellorar a fluidez do tráfico e reforzar a seguridade.

Seguridade viaria, unha prioridade

O Goberno galego continúa traballando no seu firme compromiso coa seguridade viaria e avanzando un novo paso na consecución dos obxectivos marcados no Plan de seguridade viaria 2016-2020: a redución nun 50% das vítimas mortais nas estradas galegas con respecto ás do ano 2011. Así, cumpriríase coa resolución aprobada unanimemente polo Parlamento galego o 4 de outubro de 2017, no marco do debate do Estado de Autonomía.

Os Orzamentos da Xunta do vindeiro ano reflicten que a seguridade viaria é unha materia prioritaria para o Goberno galego, polo que se incrementan nun 34 % as partidas destinadas a este fin. Así, por exemplo, o Plan de Reforzos de Firme aumenta de modo moi importante a súa dotación, pasando de 15 a 20 millóns de euros. Verase ademais, complementado coa conservación ordinaria da rede autonómica de estradas e co Plan de viabilidade invernal, aos que en 2018 se destinan máis de 23 millóns.

O Plan de Sendas de Galicia tamén contará en 2018 con preto de 12 millóns de euros, o que permitirá rematar actuacións en execución ou xa licitadas e impulsar outras novas nas sete comarcas galegas nas que se está a desenvolver a 1ª e a 2ª fase desde plan.

28 de novembro de 2017 | 16:30 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario