publicidade hoxe

A Xunta intercambia con Euskadi e Navarra experiencias sobre economía social para consolidar neste sector o emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, iniciou hoxe unha rolda de xuntanzas con responsables autonómicos e de diferentes asociacións do ámbito da economía social de Navarra e Euskadi para intercambiar experiencias e coñecer boas prácticas co obxectivo de consolidar en Galicia o emprego neste sector, que aglutina a 7000 entidades e 320.000 persoas, e seguir promovendo a creación deste tipo de empresas.

Toca reuniuse hoxe en Pamplona coa directora xeral de Política Económica e Empresarial e Traballo de Navarra, Izaskun Goñi, e con representantes de Anel, a asociación que agrupa ás empresas de economía social de Navarra, tanto sociedades laborais como cooperativas de traballo asociado; e mañá manterá un encontro en Vitoria co viceconselleiro de Traballo e Xustiza do País Vasco, Jon Azkue, e con membros de Erkide, a Federación de Cooperativas de Traballo Asociado, Ensinanza, Consumo e Crédito de Euskadi.

A secretaria xeral de Emprego está acompañada na viaxe por representantes de Espazocoop, a unión de cooperativas galega, recentemente constituída e que na actualidade é a máis representativa en canto a número de cooperativas asociadas. Espazocoop forma parte da Rede Eusumo, coa que a Xunta promove o espírito emprendedor, e desenvolve unha importante actividade na formación e asesoramento a emprendedores e cooperativas xa constituídas.

A Xunta a través destes encontros o que pretende é analizar as novas tendencias e necesidades deste sector coñecendo experiencias doutras comunidades nas que a economía social conta cun especial arraigo, como é o caso de Navarra e País Vasco, de cara a potenciar as mellores condicións para a creación e consolidación deste tipo de entidades en Galicia. Entre outros aspectos, Galicia interesarase polos instrumentos e institucións dos que dispoñen para a investigación e educación en materia cooperativa; a participación das entidades no deseño e desenvolvemento das políticas públicas; ou a dixitalización dos seus rexistros.

A economía social é un dos sectores clave no tecido produtivo de Galicia, que a Xunta está impulsando con diversos programas aos que destina este ano 15,9 millóns de euros, un 8% máis que en 2016. Destacan diferentes axudas para fomentar o emprego neste ámbito ou o Fondo de Economía Social (FES), dotado con 5 millóns de euros, que a Xunta pon a disposición destas entidades para apoialas financeiramente.

Así mesmo, a Administración autonómica conta coa Rede Eusumo, creada polo Goberno galego en 2012, para fomentar o cooperativismo e a economía social, coa que se pretende promover o espírito emprendedor, prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social. Desde a súa posta en marcha, constituíronse máis de 120 cooperativas e xeráronse xa máis de 460 empregos directos.

13 de novembro de 2017 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.