publicidade hoxe

A Xunta impulsará a cualificación de menores de 30 anos en Crecente e A Cañiza a través da Formación á porta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaCrecente
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Xunta mellorará a cualificación de mozos e mozas menores de 30 anos dos concellos de Crecente e A Cañiza, no Condado-A Paradanta, a través do programa Formación á Porta.

Deste xeito, segundo avanzou o delegado territorial, na provincia de Pontevedra, a través do programa Formación á Porta formaranse 90 alumnos a través de 6 cursos, de quince alumnos cada un, que se impartirán en catro concellos, entre eles Crecente e A Cañiza, que non contan con centro homologados para impartilos.

Cores Tourís explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver as axudas desta iniciativa, que forma parte do Sistema de Garantía Xuvenil, e que se enmarca no plan pioneiro de formación para desempregados específico para menores de 30 anos que conta cun orzamento para toda Galicia de 4,3 millóns de euros para beneficiar a 1.440 mozos e mozas, que suporá a posta en marcha na provincia de Pontevedra de 29 cursos cun total de 435 alumnos beneficiarios. Con este plan activarase, polo tanto, por primeira vez en Galicia a formación á porta, unha medida que forma parte do Plan de formación e emprendemento no rural co que a Xunta busca fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes.

A finalidade do Goberno galego é acercar a formación ao territorio, crear emprego estable e fixar poboación no rural. Os alumnos e alumnas recibirán, ao rematar o curso, un certificado de profesionalidade con validez en toda España. As accións formativas centraranse en actividades con maiores índices de inserción laboral e o uso de novas tecnoloxías, axustándose ás necesidades do tecido empresarial de cada zona.

As axudas van dirixidas aos centros formativos acreditados e/ou inscritos pola Xunta para ofrecer formación profesional para o emprego, xa sexan empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos.

A convocatoria ten un carácter bianual para favorecer a realización de cursos máis complexos e cun maior período de duración. Polo tanto, a cualificación será máis completa e ofrecerá, deste xeito, maiores oportunidades laborais e máis capacitación aos participantes.

Garantía xuvenil

Esta nova proposta enmárcase na Axenda 20, coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade; e dá continuidade ao programa Emprega Xuventude, unha experiencia piloto destinada principalmente aos profesionais que requiren a Industria 4.0 e o sector agroalimentario e que o próximo ano estenderase ao resto de sectores produtivos. Trátase dun bono de 7000 euros para que as empresas destes ámbitos formen e contraten a 500 mozos e mozas.

O Goberno galego, mediante o Sistema de Garantía Xuvenil, favorece o acceso ao mundo laboral dos mozos e mozas a través de catro eixos principais: a mellora da intermediación, da empregabilidade, incentivos á contratación e o fomento do emprendemento. Para apoiar á mocidade, a Xunta está a investir este ano 40 millóns de euros para formación, contratación e emprendemento.

Outros dos programas postos en marcha para os máis novos son os obradoiros de emprego. Na actualidade están en marcha un total de 24 programas mixtos de formación e emprego nos que participan preto de 500 menores de 30 anos que contan cun contrato laboral.

A Xunta tamén apoia con preto de 600.000 euros a realización de prácticas non laborais dirixidas aos mozos e mozas con cualificación (titulación universitaria, ciclo de grao medio ou superior ou certificado de profesionalidade) para facilitar o seu acceso posterior ao mercado laboral.

6 de novembro de 2017 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.