publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta destina 20.000 euros á recuperación da senda tradicional e natural da Telleira, en Boimorto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoimortoLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá os traballos de recuperación e posta en valor da senda tradicional e natural da Telleira, no concello de Boimorto, acompañado pola alcaldesa, María Jesús Novo. Trátase dunha intervención cofinanciada ao 80 por cento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder-Galicia 2014-2020, cun investimento de 20.000 euros.

A obra, que está practicamente rematada, consiste na mellora do firme do camiño facilitando zonas de drenaxe, canalizacións dos pasos de auga nos puntos máis conflitivos con creación de desaugadoiros e drenaxes para evitar que a auga da choiva arrastre o camiño, limpeza en xeral e tratamento de elementos de xardinería. Así mesmo inclúe a sinalización de todo o itinerario da ruta e marcaxe interpretativa mediante a colocación de paneis informativos en Castro Rico, Fonte Armelos, Río Iso, Aldea Ribadiso, Aldea Ribeiro e Pazo de Vieite onde tamén existe unha importante carballeira.

Os traballos, acometidos pola Consellería de Medio Ambiente, complétanse coa creación dun área de descanso na fonte dos Armelos mediante a instalación dun banco, unha mesa e papeleiras, e a elaboración dun folleto informativo sobre o sendeiro que inclúa unha guía, un mapa, fotografías dos puntos de interese.

Ovidio Rodeiro sinalou que “dun tempo a esta parte estase a observar unha tendencia de cambio dende o turismo convencional a outro alternativo máis acorde coa sensibilidade ecolóxica actual, o chamado turismo de natureza”. Por esta razón “preténdese con este proxecto dar resposta a esa tendencia de turismo alternativo, promovendo unhas actividades que contribúan a facilitar e fomentar a práctica do deporte na natureza dun xeito sostible, respectando en todo momento o medio natural”, engadiu o delegado.

Rodeiro felicitou á alcaldesa polo esforzo para “aumentar o uso público dos distintos sitios de interese do concello, creando unha alternativa de ocio á poboación local ou foránea que o visite”. Convidou a outros municipios a seguir o exemplo e ofrecer unha alternativa de desenvolvemento aos habitantes da zona para obter un beneficio da presenza de visitantes.

23 de novembro de 2017 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.