publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta convoca aos propietarios dos terreos afectados pola construción do itinerario peonil e de reforma na intersección na AC-840 en Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtisLocal Portada
A-
A+

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a data para o levantamento das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e de reforma na intersección na AC-840, no punto quilométrico 20+190 ao punto quilométrico 21+910, no concello de Curtis. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace.

Os veciños afectados poderá acudir á oficina municipal do recinto feiral (rúa Emilia Pardo Bazán, s/n) o vindeiro 12 de decembro, entre as 9.30 ás 12.00 horas.

O novo itinerario permitirá conectar o treito comprendido entre o Alto da Espeniña e a intersección coa estrada autonómica que vai a Montesalgueiro (AC-230). Esta actuación, moi demandada polos veciños, facilitará os seus desprazamentos cotiás e permitirá transitar dun xeito máis cómodo e seguro por esta estrada.

A nova senda terá un ancho mínimo superior aos 2 metros, será de formigón coloreado, para que sexa facilmente visible e identificable polos vehículos que transitan a estrada e estará separada da estrada por unha zona axardinada máis gabia de seguridade.

Complementariamente á construción da senda, reformarase a intersección coa estrada ao cemiterio para facilitar os cambios de sentido e tamén se rehabilitará o firme e executaranse dous muros de contención, accións que suman un investimento da Xunta de máis de medio millón de euros.

O Goberno galego, con esta actuación, contribúe a unha maior integración urbana, ao reforzar as comunicacións entre as zonas onde se concentran os principais servizos e equipamentos, e aposta por unha mobilidade máis sustentable e respectuosa co medio.

Nova glorieta

Esta obra verase completada con outra actuación prevista nesta mesma estrada e na que xa se está traballando, a reforma da intersección da AC-480 coa estrada provincial, situada xusto no punto onde finaliza esta senda.

Este cruce actualmente rexistra unha elevada accidentalidade, polo que se construirá unha glorieta que virá reforzar a seguridade viaria, ao posibilitar os xiros en condicións máis seguras e de maior visibilidade.

O pasado día 3 de novembro iniciouse o proceso de información pública deste proxecto, para que os cidadáns que así o queiran poidan trasladar as súas achegas ata o 19 de decembro. A partir desa data continuarase cos trámites administrativos necesarios para levar a cabo os traballos, que contan cun prazo de execución de 3 meses e cunha achega da Xunta de preto de 237.000 euros.

9 de novembro de 2017 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.