publicidade hoxe

A Xunta certifica a educación non formal e a acción voluntaria para favorecer a inserción laboral dos xóvenes galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe no’ Seminario de responsabilidade social e innovación educativa: a aprendizaxe-servizo como ferramenta para inserción laboral’, organizado polo grupo de investigación Esculca da Universidade de Santiago de Compostela e que se desenvolveu na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Cecilia Vázquez abordou nun relatorio o fomento da participación xuvenil, así como dos programas e accións de educación non formal que se están a impulsar desde o seu departamento autonómico.

Na súa intervención, a directora xeral subliñou que Galicia segue as liñas de voluntariado recomendadas pola Unión Europea, sendo unha das primeiras comunidades autónomas que certifica a aprendizaxe voluntaria e que dá prioridade nas súas accións á educación non formal. Ao respecto, apuntou que desde a Xunta promóvense programas e intervencións neste ámbito que “permiten aos participantes adquirir coñecementos e competencias transversais que son altamente valoradas polo tecido empresarial ”.

Así, Cecilia Vázquez explicou que os certificados de experiencia voluntaria e de educación non formal en materia de xuventude outórganse aos mozos e mozas que participan nos campos de traballo da Campaña de Verán; nos programas ‘Galeuropa’, ‘A Xuventude no Mundo’, ‘Erasmus +’, ‘Correspondentes Xuvenís 3.0’, ‘Xuventude en Acción’, ‘Deseñando o teu futuro’, ‘Líderes de futuro’ ou ‘Iniciativa Xove’. “Ademais de validar a formación e habilidades derivadas da participación nestes programas, os certificados supoñen unha vía máis para axudar á xente nova na transición ao emprego”, sinalou a responsable das políticas xuvenís en Galicia..

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado expuxo a importancia que ten dar prioridade a programas que teñan un compoñente de educación non formal facendo referencia ao un estudo da Universidade de Santiago de Compostela en que se analiza a repercusión destas iniciativas na empregabilidade da mocidade. Dito informe acredita que accións como ‘Galeuropa’, ‘Iniciativa Xuvenil’ ou ‘Voluntariado Xuvenil’ responden a súa última finalidade que non é outra que mellorar as competencias, habilidades e destrezas dos mozos participantes, cara a incentivar a súa participación social e facilitar a súa inserción laboral.

23 de novembro de 2017 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.