publicidade hoxe

A Xunta aposta pola atención aos maiores e ás persoas con discapacidade na comarca da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOleirosSada
A-
A+

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, realizou hoxe sendas visitas á residencia de maiores de Oleiros e á residencia e centro de día de Aspace, nas que destacou que “a atención aos nosos maiores e ás persoas con discapacidade é un dos obxectivos prioritarios da Xunta, de aí o impulso que se está dando ás políticas sociais ás que se destinan máis orzamentos que nunca antes na historia de Galicia”.

A directora xeral realizou un percorrido polas instalacións da residencia de maiores Oleiros, titularidade da Consellería de Política Social, na que se traballa na autonomía dos usuarios e que ofrece servizo de comedor, enfermería, lavandería, perruquería e ximnasio. Alí, destacou que as instalacións contan cun total de 284 prazas para as que a Xunta destina un orzamento de 8,4 millóns de euros en 2017.

Posteriormente, a titular do departamento autonómico desprazouse á residencia e ao centro de día de Aspace Coruña, situados no concello de Sada. Este último está orientado a persoas con parálise cerebral fóra de idade escolar que non poden asistir a centros ocupacionais ou de emprego. A finalidade é ofrecer o máximo desenvolvemento da autonomía persoal dos seus usuarios e facilitar as súas posibilidades de integración social, contribuíndo con elo a mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias. Neste sentido, de xeito transversal proporciónase alivio ao esforzo dos coidadores principais. Coa misión de contribuír a estes obxectivos, a Consellería de Política Social mantén un concerto de 39 prazas con este centro.

Así mesmo, Fabiola García visitou o centro residencial de Aspace, que busca mellorar a calidade de vida de persoas con parálise cerebral que teñen necesidade de aloxamento. A Administración autonómica ten un concerto de 50 prazas residenciais. En total, trátase de 89 prazas residenciais e de centro de día nas que a Xunta inviste 1,7 millóns de euros neste 2017.

A directora xeral lembrou que a Administración autonómica tamén colabora coa Federación Aspace Galicia mediante un convenio para o desenvolvemento dun programa de promoción da autonomía persoal de persoas con parálise cerebral, para o que aporta 85.000 euros. Ademais, achega máis de 19.000 euros para o desenvolvemento do proxecto Independiente e Carreira de fondo.

Máis e mellor atención

Fabiola García indicou que a atención aos maiores é moi importante para o Goberno galego e sinalou que “o verdadeiramente necesario é prestar o mellor servizo ás persoas que máis o precisan”. Por iso, a Xunta de Galicia aumentou a partida destinada ao coidado de maiores e persoas con discapacidade en 29 millóns con respecto ao presente ano, ata alcanzar os 414 millóns de euros de orzamento en 2018.

Así mesmo, reiterou o compromiso da Xunta coas persoas dependentes. Ao respecto, apuntou o esforzo que está a facer o Goberno galego por mellorar o sistema de atención á dependencia e beneficiar a un maior número de usuarios. De feito, a cifra de persoas dependentes atendidas nos últimos anos pasou de 15.000 en 2009 a máis de 53.500 na actualidade. “Queremos que os nosos maiores vivan máis e mellor, e por iso apostamos por seguir completando a rede e os servizos do sistema de dependencia, principalmente os servizos profesionais de proximidade e de atención no contorno familiar, os cales son ademais os máis demandados e os preferidos pola poboación”, concluíu a directora xeral.

22 de novembro de 2017 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.