publicidade hoxe

A Xunta apoia o clúster audiovisual na consolidación do ‘Pitching I+P’ como plataforma de proxectos para cine e televisión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), colabora na undécima edición do pitching I+P Ideas para producir, que se está a desenvolver hoxe en Santiago de Compostela baixo a organización do Clúster Audiovisual Galego (Clag). A iniciativa reúne no Auditorio de Galicia representantes de coñecidas canles televisivas, produtoras e distribuidoras, diante dos que se presentaron 15 proxectos de cinema e televisión, para os que esta xornada sirve de plataforma de lanzamento na procura de alianzas que favorezan a súa chegada ás pantallas.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na clausura da sesión de mañá, que estivo dedicada á exposición das propostas por parte dos seus creadores ou promotores. Na súa intervención, subliñou que este tipo de iniciativas demostran que “son o talento e as ideas as que crean novas oportunidades, marcando o feito diferencial”.

Dez propostas galegas

En referencia aos proxectos galegos presentados, 10 dos 15 seleccionados para esta edición, expresou a confianza da Consellería de Cultura en que “o apoio a iniciativas coma esta favorezan os nosos profesionais para que, a través de longametraxes de ficción, documentais, series e os novos formatos que van xurdindo con rapidez, lles transmitan o noso imaxinario colectivo aos axentes audiovisuais tanto galegos como de fóra de Galicia para chegar, a través deles, a un público cada vez máis amplo”.

Neste mesmo sentido expresouse o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen interveu na apertura da sesión xunto ao presidente do Clag, Jorge Algora. Nas súas palabras, a colaboración co Clúster Audiovisual é indispensable á hora de impulsar a competitividade e a internacionalización do cine e da televisión feitos en Galicia. Así se pon de manifesto tamén en iniciativas promovidas pola Xunta, como as misións comerciais aos principais mercados internacionais do sector, o nacemento este ano de Conecta FICTION (o primeiro encontro de coprodución de series televisivas entre Europa, América Latina e Estados Unidos) ou as accións formativas para profesionais, entre outras.

Sutil destacou igualmente a evolución dos formatos dos proxectos expostos durante as sucesivas edicións de I+P Ideas para Producir. Así, entre as 15 propostas deste ano atópanse longametraxes de ficción (El Santa Isabel, de Agallas Films; Josefina, de Javier Marco; Einstein-Rosen, de Miss Movies, e Animales domésticos, de Sinpuerto Producciones), documentais (Rapa, de Mondotropo, e A loita, de Agallas Films), docurealities (Youtuber en prácicas, de Chiripa), sitcoms (Press Office, de Chema Gagino), series de televisión (Tres flores sin piedad, de CTV; Calima, de Jugoplástika; Café de noche, de Eva Pérez, Vallecas Running Club, de DSerie Producciones, e La ruta, de Begoña Soler) e outros formatos televisivos (Millenials, de Producciones Vigo, e Historias mínimas, de Tamboura Films).

Todos eles foron presentados diante de representantes de coñecidas empresas como RTVE, Mediaset, Atresmedia, Movistar+, Televisión de Galicia, TV3, Canal Sur, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Plano a Plano, Boomerang TV, La Competencia ou Ánima Kitchent. A sesión de tarde, dedícase integramente ás reunións personalizadas para propiciar a materialización efectiva dos acordos.

Esta undécima edición da iniciativa, que conta tamén coa colaboración do Ministerio de Cultura e Deporte e do Concello de Santiago, presenta como novidade o acordo do Clúster con Filmarket Hub, segundo o que os 15 proxectos seleccionados gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado en liña desta plataforma, a través do que poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica.

23 de novembro de 2017 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.