publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta adxudica tres vivendas en réxime de alugueiro social na Coruña como resposta urxente a situacións de vulnerabilidade social por desafiuzamento

A Xunta de Galicia entregou esta mañá as chaves de cinco pisos a outras tantas familias en risco de exclusión social, a proposta da Comisión Provincial de Vivenda e logo de estudar os informes dos departamentos de Servizos Sociais de cada un dos Concellos implicados. Os pisos, que proceden do convenio asinado pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda con Abanca e do propio parque de vivendas protexidas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), están situados en Ribeira, Santiago e tres na cidade da Coruña.

No caso concreto da Coruña, o propio delegado territorial na provincia, Ovidio Rodeiro, fixo entrega persoalmente das chaves aos tres beneficiarios logo de comprobar por si mesmo que os tres pisos están en perfecto estado de habitabilidade. Dúas delas proceden do convenio con Abanca e a terceira é propiedade do IGVS. Todas elas cédense por un período inicial dun ano, prorrogable a tres, e coa posibilidade de prolongalo máis no caso de que os inquilinos acaden un acordo coa entidade propietaria.

Ovidio Rodeiro destacou que “nos tres casos que atendemos hoxe estamos a falar de familias con situacións moi complicadas con menores a cargo e execucións de desafiuzamentos por medio”, polo que destacou “o agradecemento destas persoas, que realmente transmiten o desafogo de ver como a vida dálles unha nova oportunidade de recompoñer os seus respectivos proxectos vitais”. Neste sentido, o delegado da Xunta sinalou que “estas son as cousas que compensan o traballo do día a día”.

Ao tempo, en Santiago dúas familias de Compostela e Ribeira asinaban contratos similares para acceder a dúas vivendas, tamén facilitadas pola Xunta para situacións de emerxencia social. Ovidio Rodeiro desexoulles moita sorte aos adxudicatarios e reiterou a disposición da Xunta de poñer todos os recursos que estean nas súas mans para axudar ás persoas que máis o necesitan. Nesta liña, lembrou que a Xunta desenrola unha serie de medidas de carácter social encamiñadas a que ninguén se vexa desatendido. Por último convidou ao resto de administracións, nomeadamente ás locais, a “facer unha fronte común para poñer a disposición dos que máis dificultades teñen todos os recursos ao seu alcance”.

15 de novembro de 2017 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.