publicidade hoxe

A exposición ‘Os mundos de Carlos Casares’ recala en Pontevedra cun percorrido pola vida e pola obra do escritor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A cidade do Lérez acolle desde hoxe a exposición central das Letras Galegas 2017, Os mundos de Carlos Casares, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Durante o acto, que contou coa participación de representantes das entidades que promoven e colaboran coa iniciativa, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou o interese da mostra para lle achegar á cidadanía a vida e a obra dunha figura central da literatura galega como Carlos Casares, ao tempo que incidiu no interese das diversas iniciativas desenvolvidas durante todo o ano ao abeiro das Letras Galegas para afondar no legado do escritor ourensán.

Promovida pola Fundación Carlos Casares coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación –a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística–, Os mundos de Carlos Casares é a iniciativa central da conmemoración das Letras Galegas 2017. Baixo o comisariado de Chus Martínez Domínguez e de Gustavo Adolfo Garrido, a exposición constrúe un percorrido pola vida e obra do escritor ourensán, con atención ás súas principais creacións pero tamén ás súas relacións de amizade e familiares, as súas múltiples afeccións e o seu incansable activismo cultural en favor do galego e das artes.

Cunha novidosa proposta expositiva, a mostra conta con soporte audiovisual, ademais de paneis textuais explicativos, obxectos cotiáns, documentos e pezas históricas e fotografías orixinais, encadrados nun fondo histórico que permite coñecer mellor a época que lle tocou vivir a Casares.

Acto de inauguración

Á rolda de prensa de presentación –na que tamén interviñeron Christian Casares, fillo do escritor e membro da fundación; Xosé Leal, deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra; Carme da Silva, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra; e Chus Martínez, comisaria da mostra– seguirá esta tarde, ás 19:00 horas no Claustro do Edificio Sarmiento, o acto de inauguración da mostra, que contará coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación da Xunta de Galicia.

Desde o pasado mes de abril, mostra está a percorrer diversos municipios das catro provincias galegas, co fin de dar a coñecer o legado literario e as diversas facetas de Casares no ámbito cultural. A cidade de Ourense foi o punto de partida da itinerancia da exposición, que nos últimos meses tamén se puido visitar nos municipios da Coruña, de Ribeira, de Arzúa e mais de Vigo.

Próximas paradas da mostra

Logo do seu paso pola cidade do Lérez, Os mundos de Carlos Casares viaxará ata o Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo, onde se poderá visitar do 29 de decembro ata o día 26 de Nadal. A última parada será no municipio ourensán de Xinzo de Limia, onde transcorreu a infancia do escritor. O calendario da mostra pode consultarse nas webs www.cultura.gal/axenda e www.lingua.gal.

Un referente das letras galegas

Membro numerario da Real Academia Galega (RAG) ata o seu falecemento no ano 2002, Carlos Casares Mouriño foi un dos autores de referencia da narrativa galega do século XX. A través das súas obras literarias e das súas colaboracións na prensa, o autor adquiriu un compromiso co gran público lector, ao tempo que exerceu un destacado papel como xestor e dinamizador de proxectos de gran relevancia para a cultura e a lingua galegas. Entre eles destacan a editorial Galaxia, da que foi director; o Consello da Cultura Galega, que presidiu entre os anos 1996 e 2002; ou o Centro PEN Galicia, ademais da propia RAG.

Casares tamén levou a cabo un importante traballo a prol da difusión exterior da literatura galega, coa súa participación permanente en espazos de encontro internacional de escritores e escritoras.

8 de novembro de 2017 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.