publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería do Mar promocionará en cinco países europeos a oferta conxunta da náutica galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

A Consellería do Mar mantén o seu compromiso de captación de novos clientes náuticos procedentes de diferentes puntos de Europa para o conxunto das instalacións náutico-recreativas galegas, tanto dependentes da Xunta coma do Estado. Así o ratificou a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, na reunión de coordinación das Autoridades Portuarias de Galicia que se celebra periodicamente na sé dos diferentes portos estatais e que esta mañá tivo lugar na Autoridade Portuaria de Ferrol.

A conselleira explicou que co obxectivo de incrementar o volume de negocio das dársenas recreativas de Galicia, a Consellería do Mar está a manter unha estratexia coordinada cos xestores dos portos deportivos galegos para impulsar a súa presenza nos eventos de referencia do sector a nivel internacional. Deste xeito, Rosa Quintana comprometeu que a oferta náutica galega, de xeito conxunto, estará presente en 2018 en feiras, salóns e presentacións sectoriais de cinco países europeos.

En concreto esta participación canalizarase a través da acción conxunta de Portos de Galicia e Turismo de Galicia, que encabezarán a delegación galega que participará nas citas de Francia, Reino Unido, Irlanda, Alemaña e Portugal. Esta participación dá resposta á petición trasladada polos responsables das principais instalacións náutico-recreativas galegas, tanto autonómicas como estatais, na última reunión de traballo mantida entre os representantes de Portos e os dunha ducia de entidades náuticas galegas interesadas na súa promoción e que tivo lugar a semana pasada no porto deportivo da Toxa.

Nesta xuntanza, os propios xestores náuticos ratificaron a rendibilidade que a presenza nestes eventos está a ter para Galicia nos últimos anos e apoiaron a iniciativa de continuar coa representación galega nestas citas. Ante o alto nivel de aceptación constatado, a Xunta de Galicia liderará a presenza dos xestores náuticos galegos durante o 2018 nos citados cinco países, de modo que poida darse continuidade ás relacións comerciais xeradas coa participación galega en anteriores edicións.

Rosa Quintana explicou que a Consellería do Mar está a levar a cabo este tipo de accións dentro da súa estratexia de promoción da náutica de recreo, contemplada como un dos eixos básicos de traballo no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a executar. Engadiu ademais que os resultados deste traballo están a arroxar cifras de recepción de embarcacións en tránsito en constante aumento durante os últimos catro anos, pasando de 7.013 en 2013 a 8.754 no exercicio 2017, o que supón un incremento de preto de máis de 1.700 barcos, que porcentualmente significa un 25% máis.

28 de novembro de 2017 | 15:37 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario