publicidade hoxe

A Consellería do Mar destina 3,4 millóns de euros a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración dos bancos marisqueiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Carballo que a Xunta destina na convocatoria deste ano 3,4 millóns de euros a proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración dos bancos marisqueiros, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Estas axudas foron convocadas no mes de outubro e distribúense nas anualidades 2017 e 2018. Así o explicou a titular de Mar durante unha visita á lagoa de Baldaio, onde comprobou as actividades de rexeneración que se están a realizar na zona.

Alí a conselleira fixo fincapé na aposta decidida da Xunta pola recuperación dos bancos marisqueiros. De aí, sinalou, as achegas que se convocan anualmente para a realización de proxectos colectivos de acondicionamento mariño e rexeneración. A finalidade, expuxo, é que as confrarías e organizacións de produtores se poidan acoller a elas e contribúan de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos.

A este obxectivo de mellora da produtividade, explicou Rosa Quintana, vai aparellado o obxectivo de poder incorporar máis persoas á actividade marisqueira, mantendo a biodiversidade e os ecosistemas costeiros. De feito, lembrou que ao abeiro deste tipo de proxectos de rexeneración se recuperaron máis de 8 millóns de metros cadrados de superficie desde o ano 2010 e investíronse preto de 5 millóns de euros en 170 proxectos executados polas confrarías e entidades asociativas.

A actividade que viu hoxe a conselleira na lagoa de Baldaio consiste no arado cun vehículo anfibio para remover o substrato, favorecer a súa osixenación e así lograr que se produza unha fixación de xuvenís de bivalvos. Os labores de remoción de substratos en bancos marisqueiros teñen como obxectivo a mellora da produtividade marisqueira dun xeito respectuoso co medio ambiente e contempla a mellora de diferentes aspectos como a biodiversidade do ecosistema e o mantemento do uso do territorio tradicionalmente empregado para o marisqueo.

13 de novembro de 2017 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.