publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Medio Ambiente impulsa un proxecto piloto para a redución do desperdicio alimentario no sector da hostalería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Beatriz Mato na reunión coas asociacións provinciais

Beatriz Mato na reunión coas asociacións provinciais

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio impulsa un proxecto piloto para a redución do desperdicio alimentario no sector da hostalería. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou esta mañá coas asociacións provinciais de hostalería un convenio de colaboración para levar a cabo un proxecto piloto con actuacións que fomenten a economía circular e a loita contra o cambio climático.

Entre as mesmas destaca o fomento pola cultura da redución do desperdicio alimentario, polo que se ofrecerá aos clientes a posibilidade de levar a comida non consumida nos locais para o seu aproveitamento posterior nos fogares. Deste xeito, proporcionarase o apoio necesario para a adquisición de fiambreiras e bolsas ecolóxicas, que deberán ser biodegradables e reutilizables.

Mato Otero indicou que con estas accións evítase que os alimentos se convertan en residuos, ao tempo que se recoñece o carácter de ben prezado deses alimentos, xa que as perdas e o desperdicio de alimentos debe ser unha das maiores prioridades para responder ao cambio climático. Segundo os datos da organización das Nacións Unidas para a Alimentación e Agricultura (FAO), un terzo da produción dos alimentos destinados ao consumo humano pérdese e o desperdicio de comida xera un 8% de emisións de gases de efecto invernadoiro.

Indicou que é tamén especialmente preocupante a taxa de desperdicio de froitas e hortalizas, moito máis alta que as de calquera produto alimentario (desperdícianse case a metade de todas as froitas e hortalizas producidas) e nos países industrializados, como España, os consumidores desperdician un o 30% dos produtos de cereais, 286 millóns de toneladas anuais.

A conselleira de Medio Ambiente destacou que con esta iniciativa dáse resposta a un dos sectores claves da economía galega, cuxa actividade implica grandes consumos de enerxía, emisións de gases efecto invernadoiro e a xeración de residuos. Neste sentido, este proxecto piloto enmarcase nunha acción global que se desenvolve desde a Xunta para a reciclaxe de residuos, desde as pilas, o cartón, os aparellos eléctricos, o vidro ou os pneumáticos… e, que neste caso concreto, pretende converter á hostalería galega nun referente nacional e internacional.

Destacou que o establecemento de accións conxuntas co sector da hostalería non é unha novidade, xa que este verán -recordou- se estableceu unha colaboración cos hostaleiros de Galicia para concienciar á sociedade sobre a necesidade de facer un uso responsable da auga.

Outros dos obxectivos desta colaboración, á que se destinan no se conxunto case 300.000 euros, é seguir mellorando a xestión dos residuos e mellorar as pautas para reciclar máis e mellor. Así, as asociacións asinantes, nas que se agrupan un total de 3.800 locais, organizarán máis de 100 xornadas de sensibilización ambiental centradas no aforro enerxético, no aforro de consumo de auga, a correcta xestión dos residuos e reciclaxe e, por suposto, a redución do desperdicio alimentario, e que comezarán nas catro provincias o vindeiro luns.

Por último, a conselleira sinalou que estas accións tamén se enmarcan na Semana Europea da Prevención de Residuos, que se celebra entre o 18 e 26 de novembro, e que nesta edición leva por lema Coa comida non se xoga. Non tires os alimentos.

En definitiva, buscase o compromiso de toda a sociedade cun mundo mellor e máis sustentable e para cumprir o reto que marca a Unión Europea na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, que fixa como obxectivo a redución dun 50% do desperdicio mundial de alimentos per cápita dos consumidores.

14 de novembro de 2017 | 16:34 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario