publicidade hoxe

A Consellería de Cultura programa actividades gastronómicas, musicais e marítimas arredor do Pergamiño Vindel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación continúa coa programación de actividades que acompaña a exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, na que se exhibe por vez primeira o manuscrito coas cantigas de amigo de Martín Códax acompañadas de melodía. Esta fin de semana, distintas localidades galegas van acoller iniciativas que afondan no coñecemento de distintos aspectos do tempo de Martín Códax e da lírica medieval galego-portuguesa.

En Bueu o ciclo Un vermú por Vindel, que achega ás librarías conversas entre libreiros, expertos e público en xeral. Coa figura de Pedro Vindel como referente, a Secretaría Xeral de Cultura ofrece a posibilidade de analizar o papel do libreiro como dinamizador cultural e mediador entre lectores e libros, así como de departir sobre as cantigas de Martín Códax e a lírica trobadoresca.

As sesións, de carácter gratuíto, desenvólvense os sábados, ás 12:00 horas. O vindeiro día 18 de novembro a cita é na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa de Bueu. O anfitrión vai ser o libreiro Fernando Miranda, propietario da Librería Miranda, e a experta en literatura medieval e profesora da Universidade de Santiago de Compostela Mariña Arbor. As persoas interesadas en asistir ao vermú poden inscribirse na Libraría Miranda.

O ciclo continúa e trasládase a Vigo, onde o día 25 será a librería Espacio Lector Nobel de Gran Vía a que acolla o vermú, tamén con Mariña Arbor como experta e a libreira Maribel Ferreiro como anfitrioa. O sábado 2 de decembro a cita trasládase á librería Librouro, da man do seu propietario, Xurxo Patiño, e do catedrático de Lingua e Literatura Galega Xosé Ramón Pena. O día 9 de decembro, a librería Prisma recolle o testemuño e alí a libreira Verónica Vázquez e o xornalista gastronómico Miguel Vila compartirán o vermú con todos os interesados en participar na actividade.

A música no tempo de Martín Códax

Continúa o obradoiro que leva o título de Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax. Este sábado 18 de novembro celébrase a terceira sesión, na que, co formato de charla-concerto, o grupo Pres de Cambrai interpreta mostras da música dos séculos XII e XIII con réplicas de instrumentos medievais, realizadas por diferentes obradoiros de artesáns. A convocatoria é na Casa da Navegación de Baiona, ás 18.00 h. e a capacidade está xa completo.

Aínda é posible inscribirse para participar na derradeira sesión do ciclo, que terá lugar na sala de exposicións do Auditorio de Cangas, o sábado 25, ás 19.00 h. O obradoiro é de balde.

Ondas do mar de Vigo

Chegan tamén á súa derradeira fin de semana as travesías marítimas Ondas do mar de Vigo, que ofrecen un percorrido guiado en barco seguindo o ronsel de Martín Códax e dos trobadores do mar de Vigo comezando no porto de Alcabre, pasando por diante do Museo Meirande para chegar á illa de San Simón, onde se realiza unha visita, e volver despois ao porto de orixe. As travesías, que teñen unha duración aproximada de tres horas, son gratuítas e teñan xa completa a inscrición.

O Pergamiño Vindel en Galicia

Estas actividades son algunhas das múltiples iniciativas que a Xunta está programar en toda a comunidade, vencelladas á mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se exhibe no Museo do Mar de Galicia ata o vindeiro 4 de marzo de 2018. A exposición, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul, ten como eixo central o manuscrito de finais do século XIII que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, seis delas coa melodía, e que constitúen o único exemplo conservado deste xénero con notación musical.

Tamén continúa aberto o prazo de inscrición para participar no certame de videocantigas Vindevídeos, organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e dirixido a alumnado e profesorado de centros educativos galegos. Cada centro poderá enviar ao concurso un máximo de tres vídeos en calquera técnica cuxa temática estea relacionada coa cultura trobadoresca na que se xeraron as cantigas medievais galego-portuguesas.

Na páxina web de Cultura, en https://www.cultura.gal/gl/programacion-actividades, pode consultarse toda a programación de actividades que a Xunta de Galicia está a desenvolver arredor da mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas.

16 de novembro de 2017 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.