publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Cultura colabora co disco Redondela, co que a orquestra de Saxos homenaxea o mestre Reveriano Soutullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaRedondela
A-
A+

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, apoia a edición do disco Redondela, o quinto traballo da Orquestra de Saxos do Conservatorio Profesional de Música redondelá. A obra preséntase o venres, ás 20.00 horas, no Multiúsos da Xunqueira, cun concerto ofrecido pola formación, baixo a batuta de Elisa Arias, a súa promotora e directora.

O secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo participou hoxe na rolda de prensa presentación do concerto, onde salientou o carácter sobranceiro desta agrupación, así como a homenaxe que lle renden ao mestre Reveriano Soutullo, que tan unido estaba ao municipio pontevedrés. Na rolda de prensa estiveron tamén presentes o alcalde da vila, Javier Bas, e a directora do conservatorio, Elisa Arias.

Monográfico de Reveriano Soutullo

Para Anxo Lorenzo esta obra “reúne pezas que son parte da nosa memoria musical colectiva”. Trátase de oito cancións, arranxadas polo músico, director e compositor José Pérez Arias. Zarzuelas, pasodobres e un fado atópanse entre as pezas que compoñen Redondela, un traballo que, segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, “vai asociar, xa para sempre, a música desta orquestra de saxos coa do mestre Reveriano Soutullo”.

A Orquestra de Saxos do Conservatorio Profesional de Música de Redondela foi creada hai máis de 20 anos e está integrada, neste momento, por 52 membros, todos estudantes dese centro. É a única no mundo formada só por saxofonistas e ofrecen actuacións por toda Galicia, España e Europa, así como concertos didácticos para o alumnado máis novo, de entre 3 e 16 anos.

22 de novembro de 2017 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.