publicidade hoxe

Xunta e Goberno de Namibia renovan a súa colaboración en materia de investigación, cooperación e xestión pesqueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, asinou esta tarde un Memorándum de Entendemento co ministro de Pesca e Recursos Mariños de Namibia, Bernhard Esau, a través do que renovaron a colaboración que se viña mantendo entre este país e Galicia en materia de investigación, cooperación e xestión pesqueira.

Así, a conselleira especificou que coa sinatura deste documento, que estará vixente durante 5 anos, establécense os criterios para fortalecer a cooperación bilateral e o desenvolvemento mutuo en cuestións relacionadas coa investigación e a ordenación pesqueira e tamén para mellorar a colaboración en materia de comercio pesqueiro internacional. Ademais, tamén se favorecerá o cumprimento das normas, convencións e acordos pesqueiros internacionais.

Rosa Quintana lembrou que Galicia e Namibia veñen colaborando en materia pesqueira desde o ano 2002. Así, a través da colaboración histórica que veñen mantendo, construíuse unha estación que subministra alevíns ao sector acuícola da zona, desenvolvéronse numerosos proxectos de investigación na zona costeira para avanzar no coñecemento das especies comerciais sustentables e para avaliar o ecosistema. Ademais, explicou a conselleira, valorouse a industria pesqueira existente e creáronse bases de datos, entre outras cuestións.

A titular de Mar tamén lembrou que Namibia é un país exemplar en materia de cooperación ao desenvolvemento. Neste sentido, Rosa Quintana insistiu en que esa colaboración supón un traballo conxunto do que ambas partes se benefician, Galicia no que ten que ver coa axuda que se lle brinda ás nosas empresas afincadas no país e Namibia no desenvolvemento de coñecemento, da industria e na xeración de postos de traballo.

A sinatura deste acordo xorde tras a xuntanza entre a conselleira do Mar e o ministro namibio en xuño do ano pasado en Windhoek (Namibia). Naquel encontro abordáranse diferentes aspectos sobre as relacións pesqueiras e comerciais e a cooperación entre este país e Galicia, xa que nel se afincan 6 empresas galegas do eido marítimo. Naquel entón, a conselleira aproveitara a súa estadía no país africano para invitar ao ministro, en nome do presidente da Xunta, a que visitase Galicia coincidindo coa celebración da feira Conxemar.

3 de outubro de 2017 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.