publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xosé Lois García presenta en Sober o seu último libro de teatro, “O proceso a Lucía Fidalgo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaLocal PortadaPortada dereitaSober
A-
A+

cartel presentacionO Centro Socio-Cultural de Sober acolle este sábado 14 de outubro, ás 19.00 h, a presentación do libro teatral “O proceso a Lucía Fidalgo”, da autoría de Xosé Lois García.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado da prologuista do libro, Paula Vázquez; do ilustrador Juan José Lomarti; e do alcalde de Sober, Luis Fernández. Ademais, contarase cunha lectura dramatizada a cargo dos compoñentes da Escola Municipal de Teatro de Sober e a actuación musical dos Parentes de Sober.

A obra

“O proceso a Lucía Fidalgo”, editado por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Concello de Sober e a promotora e construtora Bamarti.

Esta obra recrea nun ambiente semimáxico os momentos tráxicos da vida de Lucía Fidalgo, dende a súa violación con trece anos á morte da súa nai e os procesos aos que a someteron por “bruxería”. 

Localizada no seu contexto histórico –o século XVII– e, ao tempo, nun ambiente mítico, nunha paisaxe real pero cargada de simbolismo e fantasía, reivindícase a singularidade cultural galega, eses mundos máxicos construídos polo pobo galego dos séculos escuros para transcender a realidade material de desigualdade e pobreza de gran parte da poboación, sen esquecer que no século XVIII a dispoñibilidade de producións agrarias vaia deixando atrás os meirandes pesares. 

A peza de Xosé Lois García combina a documentación histórica rigorosa nunha localización real cun ambiente imaxinario no que conviven tradicións populares e imaxinacións do autor.

Todo isto constitúe unha peza tráxica contada con certo humor e cunha dramaturxia viva, rica e imaxinativa.   

O autor 

Xosé Lois García, naceu en Lugo o 22 de abril de 1945. Criouse na parroquia de Merlán (Chantada). Aos vinte anos pasou a vivir a Barcelona, traballando como operario metalúrxico. Estudou varios cursos de socioloxía no Instituto de Ciencias Sociais e Políticas de Barcelona que, mais tarde, abandona para ingresar na Universidade de Barcelona, onde se licenciou en Filosofía e Letras (Historia Contemporánea). 

Profesor, fundador e director do Arquivo Histórico Municipal de Sant Andreu de la Barca (Barcelona) e responsábel do Patrimonio Histórico. Desenvolveu diversos labores na divulgación da cultura galega en Cataluña. Conferenciante, articulista en varias publicacións na Galiza, España e o estranxeiro. Columnista semanal do xornal, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, Sermos Galiza, entre outros.

Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre simboloxía románica da Ribeira Sacra. Como poeta ten publicado mais de trinta libros. Recoñecido como un dos mais importantes especialistas da literatura de expresión portuguesa en África e destacado divulgador da lusofonía, antólogo e tradutor.

11 de outubro de 2017 | 18:13 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario