publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de cinco concellos da provincia da Coruña acollerán as recomendacións de aforro da campaña ‘Dálle luz á túa factura’ esta semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAbegondoCambreLocal PortadaMesíaSadaVilasantar
A-
A+

A cuarta edición da campaña ‘Dálle luz á túa factura’, coa que a Xunta busca asesorar os consumidores galegos sobre como reducir o gasto en electricidade, chegará esta semana aos concellos de Mesía, Vilasantar, Abegondo, Cambre e Sada para achegar aos veciños destas localidades consellos útiles cos que poder aforrar no recibo da luz.

Elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada, valorar a discriminación horaria, ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación, son algúns dos aspectos que aborda esta iniciativa. Como en anos anteriores, impartiranse charlas informativas para asesorar os consumidores neste tipo de cuestións. Concretamente, serán mañá mércores, 4 de outubro, no salón de actos da Casa da Cultura de Xanceda (Mesía), de 16.00 a 17.00 horas, e no local social de Vilasantar de 18.00 a 19.00 horas; e o xoves, 5 de outubro, na aula CEMIT de Abegondo de 18.00 a 19.00 horas e no salón de plenos da Casa do Concello de Cambre de 20.00 a 21.00 horas.

Impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e o Inega, o obxectivo desta campaña divulgativa é dar a coñecer as principais recomendacións para aforrar no consumo de luz e facilitar a comprensión da factura eléctrica. Como novidade este ano, ‘Dálle luz á túa factura’ conta cun expositor itinerante que vai percorrer as principais vilas de Galicia e vai estar tamén presente en 15 feiras sectoriais que se celebrarán en Galicia no que queda de ano. Entre elas, visitará a localidade de Sada os días 6 e 7 de outubro, con motivo da celebración de Artesada, a III Feira de oficios artesáns da localidade.

Xunto con isto, para que os consumidores poidan consultar as súas dúbidas, segue en marcha o teléfono gratuíto 900 907 723, así como a páxina de facebook ‘Dálle luz á túa factura’, que complementan o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC).

Axudar aos fogares galegos

A subministración eléctrica nos fogares é un ámbito prioritario para a Xunta polo que supón para o benestar e a economía das familias galegas, especialmente, as máis vulnerables. Neste sentido, o tícket eléctrico social ten permitido apoiar a preto de 7.000 familias desde que se puxo en marcha en 2014, axudándolles ao pagamento da factura da luz con ata 300 euros ao ano. E, do mesmo xeito, tamén as axudas para afrontar os cortes de subministración, que permiten cubrir o custo de dúas mensualidades ao ano por fogar, chegaron polo de agora a máis de 4.000 consumidores galegos.

Ademais, o Plan de vivenda que puxo en marcha o Goberno galego, busca que a rehabilitación de vivendas e a construción de novas edificacións vaia encamiñada a promover a eficiencia enerxética e o uso de fontes de enerxía renovables.

3 de outubro de 2017 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.