publicidade hoxe

Un grupo de escolares do CEIP Xoán de Filgueira abre o programa “contamos e recollemos contos nados do camiño”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá, xunto cun grupo de máis de 30 escolares do CEIP Xoán de Filguera, nunha andaina polos primeiros treitos do Camiño de Santiago desde o quilómetro cero da ruta en Ferrol. Trátase da primeira das actividades do programa Contamos e recollemos contos nados no Camiño, que consiste en varias saídas de escolares dos vinte centros de ensino seleccionados, para percorrer tramos do Camiño representativos do fito Xacobeo e preto do seu lugar de residencia.

Durante o percorrido de hoxe, Inacio Vilariño, coñecido e recoñecido contador, foi o encargado de referirlles aos cativos e cativas os contos nados no Camiño. A andaina serviu para que os escolares reparasen no grande valor natural dos Camiños Xacobeos. A fauna, a flora, a orografía e a toponimia formaron parte da camiñada, sen esquecer, a importancia de coidar e conservar o extraordinario ben cultural que a conforma.

Esta actividade pretende implicar aos cativos, converténdoos en contadores daquelas narracións e contos que poidan coñecer os seus familiares, ou que existan nos concellos nos que viven. Deste xeito preténdese dar a coñecer o Camiño de Santiago e a súa singularidade entre os escolares participantes, dar a coñecer o fito Xacobeo, transmitir aos escolares aqueles valores asociados ao Camiño de Santiago, e mesmo concienciar da súa protección, coidado e conservación como ben natural, cultural e patrimonial.

Logo da andaina, Ovidio Rodeiro cualificou a experiencia de “incrible” e animou aos rapaces a “seguir afondando no Camiño nas súas diferentes vertentes”. “unha vez que probastes estou certo de que ides repetir, porque o Camiño atrapa”, manifestoulles aos `participantes. O delgado territorial fixo fincapé no esforzo que Turismo de Galicia e o Xacobeo están a realizar por preservar e potenciar a ruta.

“O Camiño de Santiago exerce unha máxica atracción dos camiñantes e andadores de todas as condicións”, sinalou. “A Santiago e a Galicia pódese chegar de moitas maneiras, pero a mellor forma de vir é polo Camiño de Santiago, e así o testemuñan os 400.000 peregrinos que o fan cada ano”, rematou Rodeiro.

2 de outubro de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.