publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sanidade adquire 30.000 doses de vacina antigripal máis para a campaña deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Sanidade neste 2017 mércanse 30.000 vacinas mais, coa previsión de mellorar os resultados da campaña pasada mantendo a oferta de vacinación a todas as persoas incluídas nos grupos de risco, de xeito totalmente gratuíto, co fin de aumentar as coberturas. En total, hai 560.000 doses de vacinas antigripais que contaron cun orzamento de 1.956.240 €. Así o sinalou hoxe, en rolda de prensa, o director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz, quen estivo acompañado no acto polo subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada; e polo xefe de servizo de Enfermidades Transmisibles, José Antonio Taboada.

A campaña de vacinación antigripal deste ano iniciarase o vindeiro 23 de outubro e rematará o 29 de decembro. A Consellería de Sanidade conta con 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade: centros de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da 3ª idade e outros centros con residentes susceptibles de beneficiarse desta vacinación, centros penitenciarios, entre outros.

Do total das 560.000 vacinas adquiridas, 250.000 son doses de vacina reforzada utilizada nas persoas ingresadas en residencias da terceira idade e no resto de persoas maiores de 75 anos. As 310.000 doses restantes corresponden a vacina antigripal convencional que pode ser utilizada a calquera idade a partir dos 6 meses de vida.

O principal obxectivo desta campaña é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. Entre os obxectivos específicos deste ano destaca o de ofertar activamente a vacinación fronte a gripe para acadar unha cobertura da poboación en 65 ou máis anos igual ou superior ao 65%, e acadar unha cobertura nos traballadores sanitarios do Sergas superior ao 40%.

Para acadar este obxectivo específico entre a poboación, a Consellería de Sanidade promociona a vacinación mediante chamada activa por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria á poboación entre 65 e 74 anos; además establécense axendas de citación especial para vacinación.

Loxística da campaña

Como cada campaña, neste 2017 manteranse as indicacións de vacinación das campañas dos últimos anos, ofertando a vacinación a todas as persoas con maior risco de padecemento da enfermidade e as súas complicacións: persoas de 60 ou máis anos e persoas menores desa idade pertencentes aos grupos de risco (persoas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endocrinas…, con cancro ou outras inmunodeficiencias, con obesidade mórbida, con disfunción cognitiva…); e tamén a persoas con posibilidade de transmisión a grupos de risco, entre os que se atopa o persoal sanitario, e traballadores esenciais para a comunidade.

Para poñer en marcha a campaña, a Consellería de Sanidade terá activa unha web temática como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, con toda a información técnica e os datos de evolución da campaña.

Tamén se realizarán carteis informativos para distribuir en todos os puntos de vacinación, así como información nos medios de comunicación.

6 de outubro de 2017 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.