publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os arqueólogos da Xunta descubren un dolmen en excelente estado nun monte de Friol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriolLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Dolmen de Friol

Dolmen de Friol

Arqueólogos do Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sacaron á luz un dolmen en excelente estado de conservación situado no monte veciñal de Vilalvite, en Friol. O dolmen ten unha altura de 1,20 metros; ao redor vense restos dun túmulo moi rebaixado, que ten un diámetro de 6,30 metros no eixo norte–sur e conserva menos dun metro de altura.

O achado é unha estrutura composta por sete esteos chantados, unha lousa de cuberta e un oitavo chanto, actualmente depositado no chan, que puidera corresponder a outra lousa de cuberta. A entrada está orientada cara ao leste-nordeste.

A lousa de cuberta ten 1,90 metros no eixo norte–sur e 1,50 metros no eixo leste–oeste; o grosor oscila entre os 30 e os 17 centímetros; está algo desprazada da colocación orixinal, presentando unha lixeira inclinación cara ao sur.

Nos últimos días completáronse os labores de limpeza da maleza que cubría o xacemento, nos que participou unha brigada do Concello de Friol. Desta forma, o dolmen queda visible e accesible para o público.

Os arqueólogos da Xunta estudarán os achados para tratar de recabar toda a información precisa e iniciarán o proceso para incluílo no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Nunha primeira aproximación, constataron que conserva a planta na súa integridade, sendo uns dos dolmens mellor conservado de cantos se coñecen na provincia de Lugo. Explican que ven a reafirmar a riqueza do megalitismo no concello de Friol, municipio no que existen arredor de 250 túmulos inventariados. Entre outros, apuntan, sobresae o conxunto de túmulos de Narla, algún de ata 60 metros de diámetro, e mesmo o dolmen da Capela do Vieiro, non moi lonxe do que agora foi atopado.

A existencia dos restos no monte de Vilavite foi comunicada ao Servizo de Patrimonio de Lugo por persoal da brigada da Consellería do Medio Rural da zona. Ao respecto, cabe subliñar a estreita relación que existe entre ambos departamentos, para que tanto a planificación de proxectos como os traballos no monte se executen sempre tendo en conta a necesaria protección dos bens culturais existentes no territorio.

9 de outubro de 2017 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.