publicidade hoxe

O Consorcio Casco Vello de Vigo formaliza a compravenda dos edificios nos números 41 e 7 da Ribeira do Berbés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O Consorcio Casco Vello de Vigo vén de formalizar a compravenda dos edificios de Ribeira do Berbés 7 e Ribeira do Berbés 41. Tralo anuncio da operación, ámbolos dous inmobles constan xa en propiedade do ente rehabilitador. Unha nova que se suma á autorización do Consello da Xunta da sinatura do convenio, que regula o seu funcionamento, polo que se prorroga por catro anos máis a actividade do organismo, que remataba a finais de 2017.

Ademais, o Consello aprobou unha nova achega do Instituto Galego da Vivenda e Solo ao mesmo. O IGVS achegará un total de 800.000 euros ao consorcio nos próximos catro anos, mentres que o concello de Vigo deberá aportar 88.888 euros no mesmo período. A participación do IGVS no capital do Consorcio é do 90 por cento, mentres que a do concello se reduce ao 10 por cento.

A compra de ámbolos dous inmobles enmárcase no obxectivo irrenunciable do ente rehabilitador de recuperar a fronte marítima, cunha inversión nesta zona do barrio histórico vigués que en conxunto supera os 1,7 millóns de euros.

No que atinxe á Ribeira do Berbés 7, a edificación encóntrase en moi mal estado de conservación. A superficie total deste inmoble na actualidade é de 544 metros cadrados, distribuídos en planta baixa comercial e tres pisos destinados a vivenda. Asentado sobre unha parcela de 126,83 metros cadrados con fachada á citada praza do Berbés, conserva o característico soportal das vivendas do Berbés, cun arco portante de medio punto.

De acordo coa súa ficha do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello (PEPRI) conta cun nivel de interese arquitectónico medio, de interese histórico alto e de interese urbanístico moi alto. O mesmo documento establece como elementos a conservar as fachadas de pedra da construción orixinal así coma a necesidade de restituír distintos elementos que foron suprimidos nas reformas ás que se viu sometido. Este é o caso das carpinterías exteriores de madeira.

En canto ao número 41, cuxa adquisición se produciu o pasado 7 de setembro e cuxa rehabilitación está prevista que comece ao longo de 2018, trátase dunha edificación de dous plantas na que se proxecta a construción de dúas vivendas de dous dormitorios. Un deles orientado á fachada do Berbés e o outro á rúa San Francisco.

A compra de Ribeira do Berbés número 7 e 41, súmase a outras catro realizadas polo CCVV na mesma praza. Trátanse en concreto dos edificios situados nos números 11, 13 e 15, nos que se instalará proximamente a sede da Universidade de Vigo, e o localizado no número 5, que foi adquirido en 2016.

99 vivendas rehabilitadas

Ata o momento actual o Consorcio do Casco Vello de Vigo leva adquiridos 77 inmobles, dos que 54 xa foron rehabilitados e sete están en execución.

Rehabilitáronse 99 vivendas, das que 80 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 31 locais comerciais, dos que se venderon seis e oito están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 17 restantes en fase de adxudicación.

Previsión 2018

O Consorcio do Casco Vello de Vigo iniciará en 2018 a rehabilitación de catro novas edificacións e continuará coa rehabilitación doutras seis, tal como acordou o consello de administración do mesmo celebrado no pasado mes de setembro, que aprobou o programa de actuacións, investimentos e financiamento para o próximo ano.

Deste xeito, o Consorcio, no que a Xunta de Galicia participa nun 90 por cento a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, continuará a rehabilitación dos edificios emprazados en Subida ao Castelo 12, Subida á Costa 5, Cruz Verde 8 e 12 e Ferrería 8 e iniciará a rehabilitación de Praza do Berbés 5, 7 e 41 e de Elduayen 31.

Nos edificios que se atopan xa en obras obteranse nove vivendas e dous locais comerciais.

Prevese que o Consorcio destine á rehabilitación destas edificacións preto de 1,3 millóns de euros.

9 de outubro de 2017 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.