publicidade hoxe

Medio Rural explicará ante un foro das Nacións Unidas os logros do Banco de Terras de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, participará mañá na novena xuntanza sobre xestión de terras da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) que se celebra en Budapest (Hungría).

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, participa como membro nato da FAO neste encontro, que se prolongará ata o vindeiro xoves. Na súa intervención, o director xeral da Agader explicará aos presentes, de diferentes países, o traballo feito polo Banco de Terras de Galicia nestes 10 anos dende a súa creación no 2007. Actualmente esta ferramenta, adscrita a Medio Rural, xestiona arredor de 12.500 parcelas en toda a comunidade, cunha superficie que supera as 5.800 hectáreas.

Nesta reunión de Budapest está previsto que diferentes países compartan experiencias sobre actuacións de xestión de terras, como poden ser as de reestruturación parcelaria, bancos de terras, permutas de parcelas rústicas, etc. Miguel Pérez Dubois exporá aos asistentes os logros conseguidos polo Banco de Terras de Galicia así como as dificultades atopadas polo camiño, dende a súa creación hai unha década. Así, afondará no arrendamento de terras para as explotacións rurais galegas e a dinamización de grandes áreas rurais para loitar contra o abandono, mobilizando importantes zonas do rural galego.

Neste encontro da capital húngara participan expertos de países como Holanda, Armenia, Taxiquistán, Macedonia, Francia, Romanía e Dinamarca. Galicia é membro nato da rede de xestión de terras da FAO dende o ano 2011 e nesta conferencia avaliaranse as actuacións levadas a cabo dende a súa creación no ano 2002.

3 de outubro de 2017 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.