publicidade hoxe

Medio Ambiente consolida a protección dos enclaves naturais asociados ao sistema fluvial Ulla-Deza coa posta en valor da paisaxe rural galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio consolida a protección dos espazos naturais asociados ao sistema fluvial Ulla-Deza mediante actuacións para a posta en valor da paisaxe tradicional galega. Así o declarou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, durante a súa visita, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, ás Illas de Gres, en Boqueixón, para coñecer de primeira man as actuacións realizadas na zona para a recuperación e acondicionamento do acceso á contorna das Ínsuas de Gres.

Unha actuación cuxa finalidade é a protección e valorización deste enclave e da súa área de influencia socioeconómica a través da mellora dos accesos cun orzamento de case 20.000 euros. Os traballos consistiron na roza e limpeza de bordes e marxes, a reposición do firme con pavimento de lastro cunha banda central de pavimento de granito abuxardado de forma a conseguir un acabado harmónico coa paisaxe e composición do lugar de Ponteledesma.

Deste xeito, segundo sinalou a directora xeral, ponse en valor unha zona de especial conservación como son as Illas de Gres, que conforman unha paraxe natural poboada de carballos centenarios, ademais doutras moitas especies propias das zonas húmidas: ameneiros, freixos, sabugueiros, loureiros e outros vexetais diversos, como por exemplo os picamulos (xilbarbeira), acivros, abrótegas, prímulas e, no outono, cogomelos.

Ademais, estas Ínsuas están localizadas a moi poucos metros da Fundación Neira Vilas e dos restos do Castelo de Cira e á beira da ponte romana de San Ramón. Unha fermosa ponte medieval de sete arcos, que atravesa o Ulla no antigo camiño real de Santiago a Lugo. En definitiva, un espazo de enorme valor paisaxístico situado nunha zona de especial conservación debido á riqueza dos seus ecosistemas e biodiversidade.

Mellora dun sendeiro natural en Padrón

Seguindo o curso do sistema fluvial Ulla-Deza, a directora xeral e o delegado territorial da Xunta na Coruña visitaron outro enclave situado na zona do Bordel ao pé do Río Sar, en Padrón. Nese espazo, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinou outros 20.000 euros para a recuperación e acondicionamento dun sendeiro natural que discorre paralelo ao curso fluvial.
Igualmente, trátase dunha actuación encamiñada á protección e posta en valor dun espazo singular, situado no límite dun enclave destacado pola súa riqueza natural e paisaxística, pois non en balde, foi declarado Zona de Especial Conservación a través do Decreto 37/2014 do 27 de marzo, polo que se declaran as zonas especial de protección os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan Director da Rede Natura 2000 da Comunidade autónoma.

Neste caso, os traballos consistiron no acondicionamento e formación de firme do sendeiro mediante o emprego de quince centímetros de zahorra artificial estabilizada con cemento e colocouse mobiliario urbano: bancos de madeira e papeleiras.

Ambas as dúas actuación para as que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinou un total de 40.000 euros contribúen ao obxectivo de, segundo sinalou Ana María Díaz, seguir avanzando na posta en valor do patrimonio natural de Galicia

26 de outubro de 2017 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.