publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Máis de 62.000 galegos recibiron unha herdanza en 2016 e non pagaron imposto sobre sucesións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

Máis de 62.000 contribuíntes galegos recibiron unha herdanza o pasado ano e non pagaron o imposto sobre sucesións, a consecuencia da rebaixa fiscal aprobada pola Xunta e en vigor desde o 1 de xaneiro de 2016, segundo mostran os datos da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).

A directora deste organismo, María Victoria González, informou hoxe no Parlamento de que o impacto da baixada de impostos aprobada no Imposto sobre sucesións e doazóns e no Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados foi de 41 millóns. Con todo, o impacto neste 2017 será maior, porque tamén incluirá o efecto da baixada fiscal aprobada no tramo autonómico de IRPF que beneficia ao 98,5% dos contribuíntes.

Ademais dos 62.793 contribuíntes galegos que non pagaron imposto sobre sucesións, outros 8.078 contribuíntes non pagaron imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados grazas ao programa de impostos cero no rural, tanto na adquisición dun ben rústico como pola ampliación dunha explotación agraria. Este programa tamén foi ampliado neste 2017 á adquisición dunha vivenda habitual no medio rural para todos os menores de 36 anos, as persoas con discapacidade e as familias numerosas.

Loita contra a fraude fiscal

María Victoria González tamén sinalou que a ATRIGA obtivo o pasado ano 6,9 euros por cada euro investido nas actuacións de loita contra a fraude fiscal, o que permitiu aflorar 141 millóns de euros de débeda non declarada polos contribuíntes.

Este organismo comprobou no último exercicio 280.397 autoliquidacións do Imposto de transmisións patrimoniais e do Imposto sobre sucesións e doazóns, xa que ambos tributos concentran a maior parte dos ingresos tributarios xestionados pola Xunta. Isto supuxo un aumento do 6% respecto ás autoliquidacións comprobadas no exercicio anterior.

Froito destas actuacións na área de xestión, o ente tributario galego practicou 22.961 liquidacións para que o contribuínte tribute conforme á legalidade, 15.507 delas no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados –coas que se conseguiron aflorar 24,3 millóns- e 7.454 no imposto sobre sucesións e doazóns, cunha débeda aflorada de 74,6 millóns. Ambos impostos representan a parte máis importante das actuacións na área de xestión, que acadaron un importe total de 102,6 millóns de euros.

María Victoria González sinalou que en 2016 houbo unha baixada da fraude fiscal, posto que o 92% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega eran correctas e non precisaron modificacións. Esta porcentaxe aumentou catro puntos respecto ao 88% do ano anterior, o que mostra a inmensa maioría dos cidadáns galegos pagan correctamente os seus impostos, contribuíndo deste xeito a manter con normalidade os servizos públicos.

Inspeccións e valoracións

En canto á área de inspección, a ATRIGA triplicou as actuacións realizadas sobre os grandes patrimonios -de 39 a 105 actas-, que teñen un período máis longo de investigación dada a súa dificultade, polo que os seus efectos recadatorios terán efecto nos seguintes exercicios. En 2016, o resultado das actuacións de control intensivo permitiron aflorar débeda non declarada por importe de 36,3 millóns euros, como resultado das 593 actas de inspección, 527 procedementos sancionadores e 22 dilixencias de colaboración coa AEAT.

No apartado das valoracións, o número de bens valorados pola ATRIGA en 2016 ascendeu a 523.114, o que supón un incremento do 1,1% respecto ao ano anterior. Ademais, en 2016 a ATRIGA concedeu aprazamentos e fraccionamentos no pago dos principais impostos por un importe de 21,1 millóns, unha cantidade inferior ao ano anterior polo feito de que os contribuíntes galegos presentaron menos solicitudes.

11 de outubro de 2017 | 18:35 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario