publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia súmase por primeira vez a ‘Climathon’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia súmase por primeira vez á celebración do evento mundial por referencia sobre o cambio climático, Climathon. Trátase dunha reunión simultánea en diferentes cidades do mundo, na que se abordan os desafíos climáticos para buscar solucións novidosas e pioneiras aos retos que representa este fenómeno.

Este evento de alcance mundial sobre o cambio climático celebrarase o vindeiro 27 de outubro en Santiago de Compostela, sumándose así a preto de 250 cidades de máis de 70 países, que participan nesta iniciativa impulsada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) e a Unión Europea.

Cada unha das sedes que participa no Climathon establece o un desafío, polo que dende a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático sinalan que a realidade demográfica de Galicia, marcada pola elevada dispersión, fai que o punto de referencia sexa os retos que o cambio climático supón para o sector primario de Galicia, un dos máis relevantes das nosa economía, o turismo e os residuos.

Todos os participantes que asistan a este encontro sobre o cambio climático afrontarán o reto achegar propostas para buscar solucións contra este fenómeno de xeito colaborativo. As ideas e propostas que se aporten serán trasladadas ao resto de países e cidades que participan na cita para que, ao mesmo tempo, poidan compartir experiencias, propostas ou solucións axeitadas aos desafíos propostos no Climathon galego.

Aberto a todos os cidadáns

O encontro de traballo está aberto á participación de toda a cidadanía, facendo un chamamento para que todos os estudantes, investigadores, emprendedores, axentes sociais e persoas con inquedanzas ante o reto do cambio climático participen neste evento. As ideas e propostas serán avaliadas mediante dinámicas de grupo que contarán coa axuda de expertos que contribuirán a favorecer o debate e a xerar unha proposta coherente e competitiva.

Os interesados poden anotarse ata o 25 de outubro como participantes na xornada, que se desenvolverá durante todo o día 27 de outubro, de 10 a 22 horas, no Pazo de Bendaña, sede da Fundación Eugenio Granell. Cada participante deberá encher o formulario emprazado no sitio web do Climathon dentro da páxina web da Xunta de Galicia.

Na cita tamén participarán expertos para achegar a súa visión, experiencia e coñecementos sobre o quecemento global e os retos da adaptación ao Cambio Climático. Ao remate da xornada, abriranse as portas aos cidadáns que se queiran sumar a unha serie de propostas divulgativas incluídas no evento.

11 de outubro de 2017 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.