publicidade hoxe

Galicia defende o futuro da política de cohesión na Semana Europea das Rexións e Cidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

Galicia vén de participar cun seminario sobre o futuro da política de cohesión na Semana Europea das Rexións e das Cidades, que está a celebrar a súa 15ª edición entre os días 9 e 12 de outubro de 2017. Baixo o título ‘A Política de Cohesión en xogo: ¿por que segue a ser necesaria?’, e enmarcada na temática “rexións e cidades como axentes de cambio” fixada como prioridade polo CdR, a oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas acolleu este debate sobre unha das políticas comunitarias que máis fixeron en prol do desenvolvemento do continente.

Galicia defende a importancia dunha política de cohesión que chegue a todas as rexións europeas e que non só utilice o Producto Interior Bruto (PIB) como criterio de reparto, senón tamén outros aspectos como o cambio demográfico. Para o éxito desta política é fundamental fortalecer o papel das rexións na súa xestión, así como desenvolver un enfoque integrado urbano-rural, que permita que as axudas europeas contribúan ao crecemento destas últimas áreas.

A temática á que se adscribe a nosa comunidade -rexións e cidades como axentes do cambio-, ten como obxectivo mostrar como se contribuíu desde o nivel local a cumprir os obxectivos europeos. A directora da oficina da FGE en Bruxelas, Ana Ramos, foi a encargada de explicar como a política de cohesión contribuíu ao desenvolvemento galego ao longo dos últimos trinta anos. A cohesión forma parte dos valores de solidariedade europeos, razón pola que Galicia destaca a importancia da súa continuidade fronte a novos desafíos como o Brexit, que vai supoñer unha reducción do orzamento comunitario.

Ademais, no seminario galego durante case tres horas dez relatores vidos de toda Europa expuxeron, a través de exemplos concretos, os resultados da política de cohesión no seu territorio e a súa postura de defensa para mantela no futuro Marco Financeiro. Pola súa banda, os relatores trataron tamén de identificar os puntos a mellorar e a forma de implementar esta política dunha forma más efectiva e coherente, apoiando e fortalecendo o proxecto europeo. O obradoiro organizado por Galicia coincidiu co lanzamento da Alianza polo futuro de Política de Cohesión da UE por parte do Comité Europeo das Rexións, unha iniciativa para poñer en valor os resultados obtidos nesta materia.

Semana Europea das Rexións e Cidades (EWRC 2017)

Desde 2003, o Comité das Rexións celebra cada ano a principios de outubro, en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, unha semana dedicada ás rexións e cidades de Europa. Os actos principais teñen lugar en Bruxelas, pero o programa tamén inclúe os denominados “eventos locais”, actos organizados durante o outono nalgunhas das rexións participantes.

A Semana Europea das Rexións e Cidades está a ter a súa 15.ª edición entre os días 9 e 12 de outubro en Bruxelas. Este ano conta con 28 consorcios formados por 174 rexións e cidades, que cobren todos os Estados membros da UE agás Chipre. Ao redor de 6000 persoas atópanse na capital comunitaria para tal ocasión. A Fundación Galicia Europa, en representación da rexión de Galicia, forma parte do consorcio “Europa das Tradicións” formado por rexións italianas, portuguesas, polacas, norueguesas e gregas. A nosa comunidade proporcionará ademais mañá produtos galegos a unha recepción oficial polo Día da Hispanidade en Bruxelas.

Acto descentralizado en Galicia

Como rexión xestora do evento local do consorcio “Europa das Tradicións”, Galicia celebrará no mes de decembro en Santiago de Compostela un diálogo cidadán dentro da iniciativa “Reflecting on Europe” do CdR, para reunir a solicitantes de financiamento europeo e anteriores participantes das xornadas TecEuropa (programa de especialización en materia de financiamento europeo ofertado pola Xunta de Galicia). O obxectivo é establecer unha comunicación directa entre eles e os dirixentes políticos con influenza no panorama europeo, así como facer balance sobre a maneira en que estes fondos contribuíron a lograr unha maior cohesión económica e social na nosa comunidade.

11 de outubro de 2017 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.