publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia, Asturias e Castela e León defenderán a integración do noroeste no corredor atlántico de transporte de mercadorías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

Galicia, Asturias e Castela e León defenderán conxuntamente a integración do noroeste peninsular no Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías. Santiago de Compostela acollerá o vindeiro luns un acto institucional no que as tres autonomías formalizarán a súa unión na defensa dunha modificación do trazado dese corredor ferroviario que redunde na mellora da competitividade dos portos do Noroeste.

Nese encontro, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda do Goberno galego, Ethel Vázquez, o conselleiro de Fomento e Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, e o conselleiro de Infraestruturas, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do Principado de Asturias, Fernando Lastra, asinarán unha declaración institucional de apoio e impulso á incorporación do noroeste ao Corredor Atlántico.

O terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia e nel os representantes dos tres Gobernos autonómicos reivindicarán a necesidade de que estas autonomías formen parte do Corredor Atlántico, pola súa rendibilidade económica e social e o seu potencial de futuro.

Esta xornada contará coa presenza e participación de representantes de diferentes departamentos da Administración pública, así como de axentes sociais e empresariais. Entre outros, están convocados, representantes das autoridades portuarias, das cámaras de comercio e das principais agrupacións de empresarios.

A Declaración Institucional ten como finalidade unir esforzos para defender que a redefinición do trazado do Corredor Atlántico prevista para o ano 2018 sirva para reforzar a competitividade loxística das tres autonomías. Así, defenderase que o Corredor incorpore e priorice a conexión ferroviaria do seu actual trazado español cos portos marítimos de Vigo, A Coruña, Xixón e Avilés, a través de Palencia e León.

Esta declaración é froito da consideración dos mesmos criterios sobre a importancia do transporte, a loxística e o comercio exterior e intracomunitario como motores do desenvolvemento económico. Os tres Gobernos autonómicos comparten o carácter estratéxico do Corredor Atlántico para contribuír á política de transporte da Unión Europea; loitar contra o cambio climático, fomentando o uso do ferrocarril e dos portos, e proporcionar maior competitividade á economía.

6 de outubro de 2017 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.