publicidade hoxe

Galicia acolle un congreso europeo para promover a Comunidade galega como destino de turismo náutico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes PortadaLocal Portada
A-
A+
Nava Castro na presentación de 'Galicia, Atlantic destination'

Nava Castro na presentación de ‘Galicia, Atlantic destination’

Representantes de máis de 20 clubs e asociacións náuticas de preto de 10 países de Europa reuniranse desde este venres e ata o domingo en Baiona no congreso europeo de turismo náutico Galicia, Atlantic Destination que promoverá a nosa Comunidade como destino.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, presentaron esta mañá en Baiona esta iniciativa que está organizada por Turismo de Galicia, Portos de Galicia e o Monte Real Club de Yates en colaboración co Concello de Baiona. O congreso incluirá conferencias, charlas, mesas redondas e workshops, así como un recorrido turístico por distintos puntos de interese náutico.

Como explicou Nava Castro, esta será unha gran oportunidade para posicionar a nosa Comunidade como referente europeo neste eido. Recordou a aposta por acadar a excelencia por parte dos profesionais do sector en Galicia, como así o atestigua o feito de que de cada 10 instalacións náutico deportivas con Q de Calidade en España, seis estean na nosa Comunidade. A calidade das infraestruturas unida a que en Galicia contemos con 72 municipios costeiros, máis de 1.600 quilómetros de costa e 16 rías navegables todos os días do ano que albergan preto de 900 praias, permiten, como explicou Nava Castro, un gran desenvolvemento deste tipo de turismo na nosa terra.

Potencial do mercado europeo

Por iso, como explicou, é clara a aposta da Administración autonómica por impulsar Galicia como destino náutico, como así se reflicte na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego deseñada para fortalecer a calidade para que os viaxeiros poidan gozar do destino sen présas. “Da man da estratexia estamos a traballar para aproveitar os recursos naturais, infraestruturas e o clima de Galicia, creando produto, acudindo aos mercados axeitados, especialmente o europeo, para atraer turistas interesados neste tipo de experiencias ou impulsando a cultura náutica entre as novas xeracións”, salientou.

Galicia, Atlantic Destination celebrarase en Baiona desde este venres, cunha mesa redonda na que se presentará o traballo de Galicia neste eido, así como con charlas sobre proxectos e experiencias turísticas ao redor da náutica. Pola tarde será a quenda dos workshops e sesións de traballo en grupo e a fin de semana a actividade desprazarase ata as rías galegas, onde está programado o recorrido turístico.

25 de outubro de 2017 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.