publicidade hoxe

Francisco Conde destaca en Santiago que o retail é un sector de futuro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Francisco Conde no I Foro Retail de Galicia

Francisco Conde no I Foro Retail de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago, no I Foro Retail Galicia, no que destacou que é un sector de futuro na Comunidade e sinalou que aporta valor engadido ao comercio físico.

Conde felicitou aos promotores deste evento pola súa iniciativa, pioneira en Galicia, para crear un espazo de encontro no que coñecer as novas tendencias nas que se move o sector a través da experiencia das empresas galegas participantes e, sobre todo, para darlle visibilidade.

Na súa intervención o conselleiro asegurou que o retail é un motor de impulso da economía e do emprego, con clara vocación internacional, xa que é a forma de vida de moitas pemes galegas que traballan para diferentes modelos de negocio, desde o comercio tradicional á gran superficie, así como franquicias, por exemplo. Neste sentido, valorou a importancia do retail á hora de axudar a crear unha imaxe corporativa e de apostar polo “deseño, as novas tecnoloxías e os novos hábitos dos consumidores”.

Conde incidiu no vínculo da cadea contract co sector retail. Galicia é referente no mercado internacional grazas a contar con sectores como a pedra natural ou a madeira dunha calidade acreditada, ao traballo de case 7.000 empresas que operan no sector contract de xeito continuo a nivel internacional e a unha facturación que supera os 1.000 millóns de euros. Son máis de 100 empresas as que se dedican á industria do contract retail que levan traballado en máis de 600 cidades desenvolvendo 9.000 proxectos.

A cooperación entre pemes promovida por este sector, tan necesaria para o seu crecemento e bo funcionamento, unida á súa vocación internacional, son dous factores imprescindibles para fortalecer e facer máis competitivo o tecido empresarial galego. Así, Conde lembrou o apoio do Goberno galego á internacionalización a través do Plan Foexga que este ano axudará a 300 empresas galegas para reforzar as súas vendas no exterior.

11 de outubro de 2017 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.