publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo: “o novo modelo que fabricará a planta de PSA en Vigo suporá a creación de máis de 1.500 postos de traballo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorLocal PortadaPortada esquerdaVigo
A-
A+
O titular da Xunta na visita ao Centro Técnico de PSA

O titular da Xunta na visita ao Centro Técnico de PSA

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o novo modelo que fabricará a planta de PSA en Vigo suporá para o sector a creación de máis de 1.500 postos de traballo de cara ao 2020. Un emprego, precisou, máis cualificado, para o cal, desempeñará un papel importante a formación e capacitación dos traballadores que van operar cunha tecnoloxía máis avanzada.

Durante a visita, Feijóo reuniuse ademais co presidente do grupo, Carlos Tavares, para constatar o interese mutuo por reforzar a competitividade e a eficiencia do sector da automoción en Galicia. Un sector estratéxico que ocupa a 20.000 traballadores na Comunidade; que supón o 12% do emprego industrial en Galicia e que xera unha cifra de negocio de máis de 8.300 millóns de euros ao ano. “Todo iso, co valor engadido do talento e a innovación”, resaltou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo salientou que a visita á sede do Grupo PSA e ao seu centro de desenvolvemento tecnolóxico ADN, en París, permitiu coñecer de primeira man a marcha do último proxecto asignado á planta de Vigo, o novo modelo de vehículo que se fabricará en Balaídos a partir de 2020. Así como profundar, tamén, noutros plans que PSA desenvolve en Galicia no ámbito da innovación.

Nesta liña, o responsable do Goberno galego incidiu en que o novo proxecto reforzará a actividade da planta de Vigo, que xa está rexistrando unha mellora: grazas ao aumento de produción dos actuais Berlingo e Partner; e grazas ao incremento que tamén vai traer consigo a fabricación en serie do modelo K9, prevista a partir do primeiro trimestre de 2018. “E iso significa que estes novos modelos asinados nestes anos van situar a factoría de Citröen en Vigo como un dos centros con maior produción do Grupo PSA en Europa”, aseverou.

Sobre este punto, Feijóo afirmou que o incremento de produción que se prevé coa fabricación dos novos modelos mellorará as expectativas iniciais. “Ímonos cunha serie de noticias por riba das previsións que significan máis produción industrial, máis emprego, máis facturación e máis vehículos”, resaltou.

Impulso á innovación no seu centro de Vigo

Ademais de coñecer os pormenores do proxecto, na xuntanza tamén se abordou o impulso que a multinacional quere seguir dando á innovación no seu centro de Vigo. Ao respecto, o presidente da Xunta valorou a intención do grupo de seguir investindo en Galicia para o desenvolvemento de novas tecnoloxías no sector da automoción. E seguir, polo tanto, consolidando a alianza PSA-Xunta-CTAG-Clúster da Automoción, que xa permitiu fitos tan importantes como: o primeiro coche autónomo; os últimos proxectos adxudicados á factoría de Balaídos; e que a planta de Vigo sexa un paradigma de fábrica intelixente.

Feijóo referiuse así aos investimentos previstos por PSA en Galicia, uns investimentos para desenvolver novos proxectos no ámbito da I+D+i. E afirmou que o Goberno galego seguirá apoiando esta dinámica no tecido empresarial para que sexa cada vez máis innovador e vaia incorporando a tecnoloxía dixital no seu día a día: a través do fomento da colaboración público-privada, que permitiu a posta en marcha da rede de Unidades Mixtas entre empresas e centros tecnolóxicos. Estas unidades mobilizarán 100 millóns de euros, unha vez que se resolva a cuarta convocatoria. A isto engádese a rede de aceleradoras para impulsar o nacemento e desenvolvemento de novos proxectos innovadores na industria galega.

Cómpre lembrar que PSA ten un papel activo neste programa e colabora xunto con Ceaga na aceleradora dedicada ao sector da automoción Business Factory Auto.

O presidente da Xunta lembrou que a colaboración Xunta-PSA ao longo destes últimos anos foi decisiva para que Vigo consolide unha posición de vangarda no conxunto do Grupo PSA e que se convertese nun referente no desenvolvemento das tecnoloxías propias da fábrica intelixente. “Galicia aposta con forza pola competitividade do seu sector da automoción e a xornada de hoxe así o constata”, dixo, facendo fincapé en que o fai da man de PSA Peugeot-Citroën e dunha industria auxiliar que aumentou un 20% o seu volume de ingresos en tres anos, e as vendas ao exterior un 5,7% -1.160 millóns de euros- en 2016.

Feijóo concluíu asegurando que todas estas cifras confirman que este grupo xa é o primeiro grupo en produción de vehículos de España coa incorporación de Opel.

9 de outubro de 2017 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.