publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo: “É o respecto á lei o que nos permitiu construír Europa”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+
Intervención de Feijóo no IV Congreso dos Notarios de Europa. Foto: X. Crespo

Intervención de Feijóo no IV Congreso dos Notarios de Europa. Foto: X. Crespo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que é o respecto a lei o que nos permitiu construír Europa, unha realidade, dixo, que nos aportou novos valores, novos horizontes e que segue a ser ilusionante.

Durante a celebración esta mañá do IV Congreso dos Notarios de Europa, o responsable do Goberno galego afirmou que nese proxecto “non podemos tirar a toalla” e avogou, ante o reto do brexit, por seguir profundando na Unión. “Agora é o brexit o que plantexa maiores retos ao dereito nunha nova etapa na que- trasladou- se deben deixar de lado as fracturas e apostar, unha vez máis, pola unión”, dixo, reivindicando o cumprimento das leis en todos os estados da UE. “Porque a lei e a democracia –incidiu- é o sustento dos estados da Unión”. “Digamos ao cidadán que a Constitución dos países da UE non o oprimen, senón que o amparan”, sentenciou.

Nesta liña, referiuse á celebración deste acto como a reafirmación das normas, “da nosa vontade europea e da importancia do cumprimento estrito da lei”.

O presidente da Xunta reivindicou deste xeito a Constitución –a lei de leis- como marco fundamental para a convivencia, garante da democracia, do autogoberno, da estabilidade e do acordo. Así mesmo asegurou que só a través dese marco claro se atopa a saída aos problemas.

O responsable do Goberno galego lembrou que a nosa Constitución é froito da mellor política: o acordo. E resaltou que non só nos permitiu vivir nun Estado de Dereito onde se garanten as liberdades, senón que tamén nos permitiu articulalo conforme á diversidade de España. “Foi a lei a que nos permitiu pechar unha etapa escura da nosa historia e comezar a vivir o período máis proveitoso tamén da nosa historia”, abundou.

Así mesmo, referiuse á falsidade que supón pensar que a “lei de leis” sexa un todo monolítico que nos fai inmóbiles, cando en realidade é o marco para cambiar as cousas. “A lei de leis de cada país membro da UE non é un texto pechado a cal e canto. Por iso para facer calquera modificación o primeiro que hai que ter claro é que queremos cambiar. E o segundo que se require é ter a xenerosidade para chegar ao acordo”, aseverou, recordando que o acordo, lonxe de ser sinxelo e rápido, é un traballo diario que supón unir, non separar, e que require responsabilidade.

Diante disto, afirmou que quen ataca a Constitución, non ataca un Goberno ou un Estado, “ataca a nosa convivencia”, aseverou, ao que engadiu que non se pode permitir que a lei se presente como o problema cando é imprescindible para que haxa solucións.

O presidente da Xunta concluíu referíndose a Galicia como exemplo de pobo aberto, capaz de tecer relacións cos pobos máis diversos, capaz de entenderse con eles “e de sentirnos galegos e españois en calquera lugar do mundo”. “Sempre quixemos que Galicia cruce fronteiras”, dixo.

5 de outubro de 2017 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.