publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Deteñen a unha veciña de Mos por un lume provocado por unha queima intencionada o 15 de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaMosPortada esquerda
A-
A+

Funcionarios do equipo de Investigación de Incendios Forestais da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, da Xefatura Local de Vigo, procederon á identificación e localización da autora de tres incendios forestais producidos no camiño Rubial, parroquia de Petelos, do concello de Mos (Pontevedra).

Á autora, de 73 anos de idade e veciña do lugar dos feitos, se lle imputan tres incendios ocorridos nos anos 2013, 2016 e 2017, este último o pasado día 15 en plena vaga de lumes forestais na comunidade. No mesmo correron perigo dúas vivendas e tiveron que participar medios de extincións terrestres e aéreos. Foi no lugar de Rubial, parroquia de Petelos, concello da Mos, e nel arderon 2 hectáreas (0,3 de arborado e 1,7 de raso). Polos feitos, tramitáronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución número 2 do Porriño. Na súa declaración a investigada recoñece os feitos.

As investigacións comezaron nos días seguintes ao lume coa realización da inspección ocular técnico policial no lugar do incendio por axentes especializados, e continuouse coa investigación do contorno rural. Despois de identificar o punto de inicio das lapas, localizouse a varias testemuñas.

En días posteriores e tras estudar a zona mediante medios humanos e técnicos, e tras descartar o uso de artefactos ou mecanismos que iniciaran o incendio, perfiláronse as características do autor e pechouse a investigación sobre veciños da zona, debido o sistema tradicional de inicio do lume mediante a acción directa dunha lapa sobre restos forestais.

Tras realizar entrevistas no contorno rural e cos moradores das vivendas máis próximas, e tras comprobar que na mesma zona se produciron incendios en anos anteriores, procedeuse a toma de declaracións. Durante as mesmas o home da presunta autora entrou en contradicións con outras testemuñas. Finalmente, a muller recoñeceu a súa autoría debido ás numerosas declaracións na súa contra e foi detida.

Os lumes correspondentes ao 15 de xullo de 2013 e ao 11 de agosto de 2016 foron de dimensións mais pequenas que o acontecido neste mes de outubro e non afectaron a vivendas próximas debido as condicións climatolóxicas e á rápida actuación dos medios de extinción terrestres, pero os tres incendios tiveron lugar en días de máximo risco, cando estaba totalmente prohibida calquera tipo de queima.

O motivo de ditas queimas, segundo a propia declaración da presunta autora, foi a limpeza da maleza na proximidade da súa vivenda. Unha vez tomada declaración foi posta en liberdade e será posta a disposición xudicial en canto o xuíz o determine.

No que vai de ano son 88 as persoas detidas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais.

24 de outubro de 2017 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.