publicidade hoxe

Cores Tourís visita os concellos da Cañiza, Mondariz e Ponteareas para comprobar os danos causados pola vaga de lumes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaLocal PortadaMondarizPonteareasPontevedra
A-
A+
Cores Tourís en Ponteareas

Cores Tourís en Ponteareas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá os concellos da Cañiza, Mondariz e Ponteareas, co obxectivo de comprobar, xunto aos veciños e aos alcaldes, os danos causados pola vaga de lumes en diversas parroquias.

Nas reunións tamén estivo presente o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo.

José Manuel Cores Tourís púxose á disposición dos tres rexedores “nestes duros momentos” e recordoulles que o Goberno galego aprobou hoxe unha orde de axudas que desenvolve o decreto aprobado a semana pasada para chegar aos afectados polos incendios coa máxima rapidez.

En primeiro lugar, o delegado territorial visitou o concello da Cañiza, e en compaña do alcalde, Miguel Adolfo Domínguez, comprobou a afección do lume sobre varias vivendas na parroquia de Ganderela, onde unha casa foi completamente arrasada e o fogo chegou a danar a colindante.

Posteriormente, Cores Tourís percorreu cos veciños afectados as dúas vivendas queimadas na parroquia de Vilar en Mondariz, xunto ao rexedor do municipio, Xoán Carlos Bugarín e o portavoz da oposición, Julio Alén. Neste concello, ardeu unha vivenda e tamén unha edificación situada xunto a unha casa onde se situaban unha cociña e unha lavadora.

Finalmente, en Ponteareas, xunto ao alcalde, Xosé Represas, e o concelleiro do Partido Popular, András Sampedro, comprobou os danos no alpendre dunha vivenda da parroquia de Guláns.

Cores Tourís lembrou que o Consello da Xunta acaba de aprobar hoxe máis de 11,3 millóns de euros para paliar os danos e os efectos da vaga de lumes, dando así unha reposta conxunta e coordinada do Goberno galego. “A maiores deses millóns, tamén se articularán actuacións directas dende as consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural, Economía e infraestruturas, co galo de destinar un total de 9,8 millóns para paliar accións de consolidación de solos e restauración de zonas queimadas, recuperación e continuidade de empresas e negocios afectados e reparación de estradas”.

Neste senso, tamén lle solicitou aos concellos, “como xa o estamos a facer co resto dos municipios afectados”, unha primeira avaliación dos danos en infraestruturas públicas afectadas polo lume, desde a iluminación pública ata o mobiliario urbano e as vías de comunicación ou os sistemas de abastecemento de auga. Ademais, “tamén se está xa a traballar na análise dos ríos e das costas co obxectivo de minimizar o risco de que as precipitacións provoquen riadas; planificar a reforestación da superficie afectada, cando sexa preciso, e rexenerar así o patrimonio natural”.

Tanto o delegado territorial da Xunta como os alcaldes de Ponteareas, A Cañiza e Mondariz, destacaron o feito de que tódalas administracións, tanto as locais como a autonómica, a Deputación Provincial e o Goberno central, estean a traballar de xeito conxunto e coordinado para intentar axudar o máis axilmente posible aos concellos afectados “e, en especial, aos veciños que tiveron peor sorte nesta vaga de lumes”, rematou Cores Tourís.

26 de outubro de 2017 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.