publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Comezan na Agasp as probas para a obtención do certificado de profesionalidade de extinción de incendios e salvamento

Dá comezo na Academia Galega de Seguridade Pública a terceira edición da probas para o recoñecemento das competencias profesionais de extinción de incendios e salvamento co fin de obter o certificado de profesionalidade ou as unidades de competencias.

Para as probas están convocadas 100 prazas, segundo a Orde do 30 de decembro de 2016 da Consellería de Economía, Industria e Emprego, pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, cofinanciado nun 80 % polo FSE con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Con carácter xeral para acceder as probas é necesario ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar. No caso de experiencia laboral, para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.

No caso de formación non formal: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria. Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberán acreditarse as horas establecidas nestes.

5 de outubro de 2017 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.