publicidade hoxe

Cecilia Vázquez recibe aos mozos e mozas que desenvolverán accións de servizo voluntario europeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBergondo
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, reuniuse na xornada de hoxe cos mozos e mozas participantes no curso de formación á chegada do Servizo Voluntario Europeo, no marco do programa ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’ que se desenvolverá ao longo desta semana na nosa comunidade. O encontro desta mañá tivo lugar nas instalacións do albergue xuvenil de Gandarío.

Trátase de 26 participantes, 7 mozos e 19 mozas, con idades comprendidas entre os 17 e 30 anos, procedentes de 15 países, que nos vindeiros meses realizarán o seu proxecto de Servizo Voluntario Europeo en distintas comunidades autónomas: 1 de Alemaña, 1 de Estonia, 2 de Francia, 1 de Xeorxia, 1 de Hungría, 5 de Italia, 1 de Letonia, 1 de Lituania, 2 de Polonia, 2 de Portugal, 1 da República Checa, 1 de Rusia, 1 de Serbia, 4 de Turquía e 2 de Ucraína. Destes 26 participantes na iniciativa, 10 realizarán o seu proxecto de Servizo Voluntario Europeo en Galicia, 8 en Extremadura, 6 en Cataluña e 2 en Cantabria. Os seus proxectos de voluntariado terán unha duración mínima de 12 semanas e máxima de 12 meses.

No caso de Galicia as organizacións de acollida dos voluntarios europeos son: Centro de Desenvolvemento Rural O Viso (Xinzo de Limia), Xeración Asociación Cultural (Narón), Escola de Tempo Libre Don Bosco (Santiago), Amigos da Terra (Ourense), Fundación Paideia Galiza (A Coruña) e os concellos de Curtis e Santa Comba. En Cantabria a entidade de acollida é a Asociación Ser Joven; en Cataluña: SCI Catalunya, Seo BirdlLife Delta, Asociación La Rotllana, AEDEQ e a Fundacón Alba; e en Extremadura a Asociación Multideportiva Euexia e a entidade Acción Rural.

Esta acción formativa, dunha semana de duración, ten como finalidade presentar aos mozos o país de acollida, facilitando a súa adaptación ao novo contexto social e cultural; proporcionarlles habilidades comunicativas, incluídos aspectos de aprendizaxe intercultural; presentarlles habilidades sociais mínimas indispensables para a convivencia, a prevención de conflitos e a xestión de crise; proporcionar un espazo para que os participantes poidan reflexionar sobre os obxectivos de aprendizaxe que poden desenvolver durante o Servizo Voluntario Europeo e planificar o seu proceso de aprendizaxe; e favorecer o coñecemento mutuo entre os voluntarios e comezar a construír redes.

Esta formación á chegada enmárcase no Plan de Formación establecido pola Axencia Nacional Española do programa ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’, no que se inclúe o Servizo Voluntario Europeo, axencia da que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado forma parte.

Durante este curso de formación levaranse a cabo sesións informativas de formación lingüística, sociocultural, coñecemento do programa ‘Erasmus+:Xuventude en Acción’ e do YouthPass, aprendizaxe intercultural e sobre a Unión Europea e a cidadanía europea e sobre participación, entre outras materias. Desenvolveranse diferentes obradoiros e actividades lúdicas.

Formación e relación intercultural

O Servizo Voluntario Europeo é unha acción incluída no programa europeo ‘Erasmus+:Xuventude en Acción’, dentro da liña estratéxica de mobilidade dos mozos e mozas. Ten como obxectivo principal promover a participación cidadá, desenvolver a solidariedade entre os máis novos, promover a relación con culturas diferentes e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas.

Cecilia Vázquez apuntou que “os proxectos de mobilidade promoven maiores oportunidades de aprendizaxe, fomentan valores como o respecto, a tolerancia, a igualdade e a solidariedade, e reforzan vínculos entre os mozos e mozas participantes”. Ao resepecto, engadiu que “a mobilidade permite aos mozos e mozas desenvolver as súas competencias e capacidades, mellorando así as súas facultades de adaptación e empregabilidade”. E, ao fío disto, apuntou que “o programa Erasmus+ leva tres décadas brindando oportunidades á mocidade, facilitando o desenvolvemento de capacidades clave en particular nos ámbitos social e intercultural e promovendo a cidadanía activa”.

O Servizo Voluntario Europeo ofrece aos participantes de entre 17 e 30 anos a oportunidade de contribuír ao traballo diario das organizacións que actúan no ámbito da xuventude, o desenvolvemento persoal e socioeducativo dos mozos e mozas, a implicación civil, asistencia social, a inclusión dos desfavorecidos, o medio ambiente, os programas de educación non formal, entre outros.

A titular do departamento autonómico de Xuventude, Participación e Voluntariado sinalou que nas dúas primeiras quendas do 2017 foron aprobados en Galicia un total de 24 proxectos de Servizo Voluntario Europeo e por un importe total de 330.123 euros e nos que participarán 63 mozos e mozas europeos. Na actualidade en Galicia están acreditadas para participar no Servizo Voluntario Europeo 21 concellos e 60 entidades sen ánimo de lucro.

Ademais, cómpre lembrar que o xoves 4 de outubro ás 12:00 horas remata o prazo de terceira quenda do 2017 para presentar novos proxectos de voluntariado europeo.

3 de outubro de 2017 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.