publicidade hoxe

Arranca a segunda edición do obradoiro “Redemprega”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata o Multiusos de Chapela para dar inicio oficial o obradoiro xuvenil que desde o pasado venres se desenvolve na localidade pontevedresa de Redondela. Acompañado polo alcalde Javier Bas, o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, e a directora do taller, comprobou de primeira a aceptación desta iniciativa entre os máis novos, tal e como lle confesaron os alumnos deste curso formativo.

A Administración autonómica destina a este obradoiro 140.188 euros e nel se formarán 15 mozos nas especialidades de pintura decorativa e deseño gráfico durante os próximos 6 meses. O “Redemprega” é un dos seis obradoiros específicos para menores de 30 anos concedidos a través do Sistema de Garantía Xuvenil, e a presente é a segunda edición. Nos anos 2015 e 2016 celebráronse sendas edicións do precedente “Redondela Emprega Xove”.

No que atinxe á área territorial de Vigo, o orzamento supera os 4,2 millóns de euros para a posta en marcha de 14 obradoiros, 8 xerais e 6 específicos dos que se beneficiarán 250 desempregados que recibirán formación e un contrato de traballo.

Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan nesta convocatoria varias novidades, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Dáse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.

Prímanse tamén os proxectos vinculados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda Galicia-Industria 4.0, así como aqueles que presentan unha relación co tecido empresarial do territorio. Ademais valóranse as posibilidades de inserción de cada obradoiro e a súa orixinalidade, dándose maior puntuación a aqueles con contidos innovadores, aínda que tamén se tiveron en conta os programas máis tradicionais -aqueles relacionados coa rehabilitación, mellora de espazos públicos ou atención a persoas dependentes-. Priorizáronse nesta resolución os proxectos de concellos resultantes de fusións e aqueles que se asociaron para presentar o programa.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.

Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

3 de outubro de 2017 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.