publicidade hoxe

Ao remate do Plan de actuación 2018-2024 estarán rehabilitados 150 edificios degradados do Casco Vello de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A Xunta prevé que cando remate a execución do novo plan de actuación 2018-2024 do Consorcio Casco Vello de Vigo estean rehabilitadas un total de 150 edificacións degradadas do Casco Vello de Vigo. O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, explicou hoxe no Parlamento de Galicia, que, desa forma, estará recuperado o 60% dos edificios do PEPRI (plan especial de protección e reforma interior) do Casco Vello de Vigo.

O Consorcio Casco Vello de Vigo, participado nun 90% pola Xunta de Galicia, actuou ata o momento ou está a actuar na actualidade sobre o 31 por cento das edificacións en estado deficiente dese ámbito do barrio histórico de Vigo.

Heriberto García detallou que se adquiriron 74 inmobles, dos cales 56 xa están rehabilitados e outros cinco en proceso de rehabilitación, e, ata o momento, o Consorcio leva investidos preto de 40 millóns de euros, e prevé investir outros 15,5 millóns ata 2024.

O financiamento do Consorcio procede das achegas dos socios do mesmo, que superan os 30 millóns de euros (máis de 27 aportados polo IGVS) e dos ingresos resultantes da venda e alugueiro de vivendas e locais.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo indicou que o Consorcio Casco Vello de Vigo leva rehabilitado 99 vivendas, cualificadas como protexidas e adxudicadas a través en réxime de alugueiro e compravenda a través do Rexistro único de demandantes de vivenda protexida na Comunidade autónoma. A esa cifra hai que sumar outras seis vivendas rehabilitadas directamente pola Xunta no casco vello e cualificadas como de promoción pública, adxudicadas en réxime de alugueiro a menores de 35 anos.

Heriberto García destacou que a actuación do Consorcio céntrase nas zonas máis deprimidas do casco vello vigués, ás que dá vida coa rehabilitación dos edificios e dotación de vivendas, locais comerciais e edificios dotacionais e administrativos.

A actuación directa do Consorcio vese complementada coas axudas concedidas aos propietarios de vivendas a través da Área de rehabilitación integral do casco vello de Vigo, declarada en 1997. Nos quince convenios de financiamento asinados desde entón pola Xunta, o Ministerio de Fomento e o Concello puxéronse a disposición máis de oito millóns de euros, dos que so executaron 4,5 millóns, estando en fase de execución 610.000. Ademais, no reparto de fondos aprobado pola Consello da Xunta o pasado 11 de outubro á ARI do casco vello correspóndelle outros 651.106 euros.

Sumados os investimentos xa realizados e os previstos polo Consorcio aos efectuados polos Rexistros e os particulares beneficiarios de axudas da ARI, así como os previsto na futura sede da universidade no Berbés, o investimento na rehabilitación do casco vello de Vigo rolda os 100 millóns de euros.

19 de outubro de 2017 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.