publicidade hoxe

Ángel Bernardo Tahoces destaca en Madrid a súa aposta pola economía verde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, participou hoxe en Madrid nun relatorio sobre o cambio climático e a transición enerxética no marco do XIII Congreso Anual de Cogen España, unha asociación que promove, no ámbito da coxeración, a correcta implantación das directivas europeas a nivel nacional e a elaboración de propostas aos diferentes organismos reguladores de España.

Tahoces destacou que a coxeración en Galicia é un pilar enerxético e industrial poñendo en valor a aposta da Xunta por unha economía verde baseada nunha enerxía competitiva que permita á industria seguir medrando e xerando máis actividade económica e un emprego de calidade. O responsable de Enerxía apuntou que Galicia é unha potencia tanto en produción como en capacidade instalada de enerxías limpas e sustentables, explicando o traballo que está facendo o Goberno galego para cumprir os obxectivos fixados no Acordo de París. Para logralo, Galicia aposta por un mix enerxético no que destacan dúas fontes de enerxía renovables-a hidráulica e a eólica- seguidas do carbón e do gas natural.

Tahoces sinalou a importancia de que a transición enerxética vaia en paralelo ao futuro da industria e que estea centrada nunha mellora da eficiencia dos sistemas de produción, no consumo e na aposta polas enerxías renovables. Indicou, así mesmo, a importancia da mellora da produción de enerxía eléctrica para conseguir unha xeración eléctrica verde.

A transición enerxética, en palabras do director xeral, preséntase como unha oportunidade tanto para o emprego -xa que Galicia aspira a crear máis de 10.000 postos de traballo na próxima década relacionados coa economía sustentable- como para a competitividade das empresas grazas a aposta pola innovación e as novas tecnoloxías dixitais. Suporá, asegurou, un importante elemento para a atracción de investimento.

Galicia, na actualidade, está impulsando os recursos enerxéticos dos que dispón e que se centran, sobre todo, na enerxía hiodráulica, na eólica e na biomasa. Neste sentido, a Estratexia Integral de Impulso á Biomasa con fins térmicos, ao remate do período 2014-2017, alcanzará a instalación de 4.000 caldeiras, mobilizará máis de 50 millóns de euros e permitirá aforrar 20 millóns de litros de gasóleo anuais, así como reducir as emisión en 60.000 toneladas de CO2 ao ano.

No eido da eólica, a Lei de implantación empresarial implicará a liberalización do sector, a simplificación e racionalización dos procedementos de tramitación dos parques eólicos e aportará máis transparencia coa creación do Rexistro Eólico Galego.

Entre as medidas que o Goberno galego está a impulsar nesta transición enerxética, tamén destaca o proxecto pioneiro que suporá o primeiro ecobarrio galego en Ourense que aproveitará as oportunidades das augas termais para impulsar a eficiencia enerxética a través da xeotermia e a biomasa. Tahoces tamén puxo en valor as principais medidas do Plan Vivenda que promoverá a eficiencia enerxética, o aforro e a calidade das construcións galegas.

24 de outubro de 2017 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.